Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2021 | Actualizada ás 13:22
A base de datos do Servizo Galego de Saúde pon cifras a unha realidade que escapa das estatísticas oficiais. En Galicia hai 12.623 persoas en situación administrativa irregular e outras 3.237 que teñen o status de solicitante de protección internacional.
Todas elas teñen recoñecido o dereito a recibir atención sanitaria no Sergas desde o verán de 2018, cando o Goberno central eliminou as restricións impostas seis anos antes para a protección sanitaria das persoas sen permiso de residencia en España.
Para iso, só deben presentar un certificado de empadroamento nun concello galego e demostrar unha antigüidade de residencia de, polo menos, seis meses. Uns requisitos menos estritos que os establecidos no 'Programa galego de protección social da saúde pública' co que a Xunta fixo de Galicia unha das comunidades autónomas que, tras os cambios do ano 2012, outorgaba amparo sanitario ás persoas en situación irregular sempre que non pasasen un limiar de renda.
En Galicia, segundo os datos da Consellería de Sanidade consultados por Europa Press, son un total de 12.623 os inmigrantes en situación administrativa irregular que figuran nos rexistros oficiais ao ter recoñecido o dereito a recibir atención sanitaria.
A eles súmanse as 3.237 persoas que contan co status de solicitante de protección internacional, unha figura legal pola que optan inmigrantes recentemente chegados a España de países como, por exemplo, Venezuela; co obxectivo de "ir acumulando tempo" en busca do recoñecemento do "arraigamento" necesario para regularizar a súa situación.
"A pandemia podería ser a oportunidade para que o Goberno central abordase unha regularización da poboación irregular. Era o momento ideal", sinalou o portavoz de Foro Galego da Inmigración, Miguel Fernández, que considera que o feito de ter o país confinado e pechado desde marzo evitaría o denominado 'efecto chamada'.
Esta opinión é compartida por Pablo Sánchez, traballador social da Cociña Económica da Coruña, para quen é "inescusable" que se aborde unha "revisión" da Lei de Estranxeiría do ano 2000 en aras de ensanchar as canles que permiten aos inmigrantes regularizar a súa situación, hoxe en día limitada a demostrar o denominado 'arraigamento' a través do certificado de empadroamento durante tres anos e un contrato de traballo a tempo completo por un período dun ano.
Requisitos que, como remarca Sánchez en conversación con Europa Press, provocan "sensentidos" nunha sociedade como a galega, que fai fronte a un grave problema demográfico e de envellecemento da poboación.
EMIGRACIÓN E PANDEMIA
Galicia, unha das comunidades do Estado con menor porcentaxe de poboación inmigrante, non quedou exenta da tendencia vivida ao longo de 2019, no que os fluxos migratorios se incrementaron respecto dos anos anteriores.
No entanto, como ocorreu en moitos outros aspectos, a crise do covid-19, da que se cumpre un ano no arranque deste mes de marzo, deixou en "stand by" a chegada de persoas procedentes, maioritariamente, de países de América latina como Venezuela, Colombia e Perú.
As entidades que traballan de primeira man con estes colectivos, como Foro Galego da Inmigración, sinalan os países de orixe como o lugar onde hai que buscar "a razón" destes fluxos. "É un erro falar do 'efecto chamada'. As persoas non veñen analizando as políticas migratorias de cada país", defende Miguel Fernández, que pon como exemplo o caso de Venezuela, do que proceden moitas persoas que chegan a Galicia porque teñen "vínculos" con esta terra, ben por razóns familiares ou porque coñecen a xente que vive alí.
EXCLUSIÓN SOCIAL
"Se xa son un colectivo vulnerable pola exclusión social derivada da carencia de permiso de residencia, imaxínate nun contexto de pandemia", resume Pablo Sánchez, que recoñece en marzo de 2020 produciuse "unha avalancha de peticións" de atención na Cociña Económica da Coruña, moitas delas de persoas estranxeiras.
A dependencia da economía mergullada á que se ven abocadas as persoas en situación irregular e a súa exclusión da maioría de servizos de protección social lévanos a unha situación "límite", segundo denuncian Foro Galego da Inmigración, que tamén apunta ao impacto da crise sanitaria nos sectores dos coidados e da hostalaría.
"As persoas en situación irregular é un colectivo que subsiste na economía mergullada. É un gran problema que a crise do covid puxo de relevo", sinala Pablo Sánchez, que subliña que, en moitos casos, son xente "que non ten un perfil de usuario clásico dos servizos sociais, porque a súa única problemática é, ou ben non ter emprego, ou non ter acceso ao mercado laboral" polo seu status administrativo.
"O RACISMO É ESTRUTURAL"
A todo iso hai que sumar, segundo resalta Miguel Fernández, un racismo aínda presente na sociedade galega do século XXI. "O racismo é un elemento estrutural da sociedade como a nosa. O racismo existe porque hai persoas que non alugan o piso a unha persoa por ser de determinada cor, ou non as contratan ou lles pagan menos polo mesmo motivo", asegura o portavoz de Foro.
Por isto, sumado ao ambiente de "crispación" política que se coa no debate sobre a inmigración, tanto Miguel Fernández como Pablo Sánchez móstranse pesimistas ante a posibilidade de que se acometan cambios lexislativos que permitan unha regularización de inmigrantes 16 anos despois do último gran proceso vivido en España, que tivo lugar durante o goberno de José Luís Rodríguez Zapatero.
"Non parece un bo momento para abordar este tema por razóns evidentes, coa crispación política que existe. Pero a situación da inmigración en Europa é inaprazable", sinala Pablo Sánchez, que recoñece que esta problemática "require un exercicio de madurez política e ideolóxica" por parte das forzas políticas.
"Aínda se escoita que aos de fóra é aos que máis se axuda; e iso é mentira", incide Miguel Fernández, que advirte que "discursos vomitivos como o que ten Vox sobre a inmigración van calando" e existe o "perigo" de que isto derive "cara a comportamentos racistas cada vez máis fortes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.