Aumentan as vítimas de violencia de xénero en Galicia en 2020, "pero denuncian menos"

As denuncias por este motivo caeron un 7% o pasado ano e as renuncias a declarar creceron un 83%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron o ano pasado 6.097 denuncias por violencia de xénero, o que supón un 7% menos que o ano anterior, cando se presentaron 6.551, unha diminución consecuencia da pandemia de covid-19, sobre todo durante os meses de confinamento, e a pesar de que os xulgados especializados en violencia sobre a muller consideráronse actividade esencial e seguiron funcionando.

Segundo a información proporcionada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maior parte dos casos (4.831), un 79,2%, chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima.

A pesar da diminución nas denuncias, en Galicia rexistráronse 6.063 mulleres vítimas de violencia de xénero en 2020, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao exercicio anterior, cando se contabilizaron 5.997, segundo consta na estatística do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.

Con iso, apuntan desde este organismo, "os datos evidencian que as vítimas se mantiveron" na Comunidade, e mesmo aumentaron lixeiramente, "pero denunciaron menos". Destas vítimas, a maior parte --4.912-- eran españolas. Ademais, 87 delas eran menores de idade.

DEREITO A NON DECLARAR E MEDIDAS

Do mesmo xeito, ao longo do ano pasado 672 vítimas acolléronse á posibilidade de non declarar como testemuñas, un 83,6% máis que no exercicio anterior. En 2019 fixeran uso dese dereito 366 mulleres.

Nos xulgados de violencia sobre a muller galegos solicitáronse 2.009 ordes de protección e seguridade das vítimas, das cales se adoptaron 1.291. As medidas denegadas, no entanto, creceron un 7,7% con respecto ao ano anterior.

Na comunidade, os xulgados de violencia sobre a muller axuizaron o ano pasado 748 persoas, das cales 634 foron condenadas, é dicir, o 84,76%. En canto á relación que mantiñan as vítimas cos denunciados, a estatística reflicte que no 38,42% dos casos eran exparejas. Pola súa banda, os xulgados de menores axuizaron a nove persoas por violencia de xénero, fronte aos once de 2019, e só un quedou sen imposición de medidas.

Galicia, con 43,3 vítimas por cada 10.000 mulleres, sitúase como a cuarta comunidade coa taxa de violencia de xénero máis baixa do Estado, por detrás de Castela e León (39), Aragón (40,2) e Estremadura (41,4). No conxunto do Estado a taxa é de 60,2.

Imaxe recurso de violencia de xénero. XUNTA DE GALICIA
Imaxe recurso de violencia de xénero. XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta