O Goberno central ve inconstitucional a lei de saúde da Xunta e a obrigatoriedade de vacinarse en caso de epidemia

O Executivo español decidiu elevar ao Consello de Estado a normativa galega recentemente aprobada polo PPdeG no Parlamento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/03/2021 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

O Goberno decidiu elevar ao Consello de Estado a lei galega de saúde, que foi recentemente aprobada polo Parlamento de Galicia, co obxectivo de que se pronuncie acerca da constitucionalidade de aspectos da normativa autonómica como a posibilidade de obrigar á vacinación en situacións epidemiolóxicas que o requiran.

Vacina contra o coronavirus
Vacina contra o coronavirus | Fonte: BIONTECH - Europa Press - Arquivo.

Concretamente, a reforma da normativa galega, unha proposta do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pero que finalmente se tramitou a través do Grupo do PPdeG, maioritario no Parlamento de Galicia, reserva para a Administración autonómica a posibilidade, entre outras medidas preventivas someter "a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización".

Respecto desta posibilidade de obrigar aos cidadáns a vacinarse, tamén se entende que ademais de afectar á reserva de Lei Orgánica e ao ámbito competencial do Estado, non considera a estratexia de vacinación aprobada polo Consello Interterritorial que recolle que a vacinación será voluntaria.

Nunhas declaracións recentes, Núñez Feijóo remarcou que a lei galega non establece "por si soa" a obrigatoriedade de vacinarse fronte á covid-19, senón que faculta a obrigar se, chegado o caso, as autoridades competentes consideran que debe facerse. Neste sentido tamén opinou que debería abrirse o debate.

O Goberno central advirte tamén, na súa comunicación feita pública este martes, o artigo 7, que engade medidas preventivas en materia de saúde pública, e que por tanto a lei autonómica vulnera a reserva da Lei Orgánica.

Desta maneira, o Executivo acordou solicitar un ditame ao Consello de Estado sobre a posible inconstitucionalidade de varios apartados posto que, segundo defende o Executivo que dirixe Pedro Sánchez, a norma realiza unha serie de modificacións en medidas preventivas por razóns de protección de saúde pública e do réxime sancionador que recibiron observacións de inconstitucionalidade por parte dos correspondentes departamentos ministeriais.

A solicitude realizarase á Comisión Permanente do Consello de Estado con carácter urxente e terá ata o 23 de marzo para emitir un ditame. O prazo para a interposición do recurso de inconstitucionalidade finaliza o 26 de maio de 2021.

Fontes parlamentarias explicaron que por agora non recibiron aviso de recurso de inconstitucionalidade nin a intención de facelo, aínda que non é o momento procesual de ser advertidos. No caso de que vaia adiante, a defensa xurídica da normativa galega estaría a cargo tanto do Parlamento, como Lexislativo, como da Xunta.

O Executivo central expón a impugnación ao considerar que a norma autonómica galega introduce restricións e limitacións aos dereitos fundamentais que segundo o artigo 81 da Constitución "española están reservadas a unha Lei Orgánica", para todo o Estado.

Neste punto, a norma autonómica "regula pormenorizadamente" os mecanismos extraordinarios para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias con respecto á lexislación estatal, "incidindo sobre os dereitos fundamentais dunha maneira que non se pode considerar un mero desenvolvemento da Lei Orgánica estatal.

Ademais do artigo 5 e 7, o Goberno tamén cre que serían inconstitucionais as previsións contidas nos apartados 12, 13, 14 e 15, que constitúen o réxime de infraccións e sancións asociado ás condutas reguladas nos apartados 5 e seguintes.

ESTADOS EXCEPCIONAIS

Con todo, o Executivo cre que a norma pode vulnerar o artigo 116 da Constitución, que regula os estados excepcionais. No marco do estado de alarma, as comunidades autónomas ostentan atribucións delegadas que non poden utilizarse para aprobar esta lei ordinaria "coma se fosen facultades correspondentes á xestión ordinaria das súas competencias".

Tamén se alega á competencia exclusiva do Estado respecto das bases e a coordinación xeral da sanidade que recolle a Constitución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta