Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 22:00
Laura [nome ficticio] levántase todos os días dende hai máis dun ano pensando nun xuízo que non dá chegado. "Non podes refacer a túa vida, non podes empezar de novo. Sei que nalgún momento vou ter que volver velo, vou ter que pisar ese xulgado, vou ter que pasar por todo ese proceso... Necesito que saia unha data e poñer punto e final a todo isto. Poder dicir: 'xa, acabouse'". Quen fala é unha moza que iniciou unha causa xudicial por violencia de xénero a comezos do 2020 contra a que era a súa parella sentimental naquel momento. Agora, tras máis dun ano de espera no que o seu proceso quedou "paralizado en dilixencias previas", denuncia a "lentitude da xustiza" no tratamento do seu caso e pon o foco nas implicacións psicolóxicas dun proceso xudicial dilatado no tempo.
Segundo relata Laura ao outro lado do teléfono, aínda que non era a primeira vez que o seu presunto agresor mostraba actitudes violentas cara a ela, nun momento dado a situación extremouse. "Golpeoume e ameazoume cunha arma que tiña agochada na súa casa", relata. Días despois do acontecido, e co apoio dun amigo, tomou a decisión de interpoñer unha denuncia contra el. Dende a celebración do xuízo rápido que tivo lugar nas seguintes xornadas e ata o día de hoxe, Laura critica que a súa sensación é a de estar "constantemente cuestionada". "A xuíza transmitíame a idea de que era eu a culpable por telo denunciado, entón sentíame aínda peor. Pensaba: 'pero que fago aquí?'. Tanta lei, tanto Día da Muller, tantos dereitos... Para que ao final, con vídeos, fotos e conversas enriba da mesa, sinta que unha xuíza non me está crendo", relata. A día de hoxe, Laura vive na mesma cidade que o seu presunto agresor e xa non ten orde de afastamento activa dende hai meses.
Todas as decisións desestimadas pola xuíza durante este tempo danlle a entender "que non se toman as cousas en serio". "Dáme a sensación de que están esperando que me vaia esquecer disto para finalmente arquivar o caso. Pero o meu medo é que el quede coa idea de que pode seguir facendo estas cousas con total impunidade", fala Laura, que se define a si mesma como unha rapaza forte e centrada que precisa pasar páxina se non quere "afundirse" aínda máis.
SEN RASTRO DA PERSPECTIVA DE XÉNERO
"Hai casos de xuíces e xuízas abertamente machistas levando xulgados de violencia contra a muller"
O confinamento agrava a situación de vítimas de violencia de xénero | Fonte: Silvia López
Por parte da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, a súa presidenta, Rosa Fontaíña, fala da existencia dunha "presunción da mentira" nos xulgados, unha cuestión que achaca directamente á falta de perspectiva de xénero no desenvolvemento dos procesos xudiciais por violencia de xénero. Neste sentido tamén concorda o avogado Borxa Colmenero: "Temos casos dalgún xuíz ou xuíza abertamente machista levando xulgados de violencia sobre a muller. Incluso con queixas formais interpostas contra estas persoas, sen seren removidas dos seus postos". Esta actitude e "falta de empatía", di Fontaíña, esténdese tamén a outros profesionais, policías ou funcionariado, que entran en contacto coas mulleres en situación de maltrato. "Cando vas interpoñer unha denuncia creo que non son conscientes de que ti nese momento estás noutro mundo", conta agora Laura dende a súa experiencia. "Penso que nin sequera se debería preguntar se necesitas axuda psicolóxica; é evidente".
No momento no que a lacra do machismo se mete no tratamento dos casos nos xulgados tamén se converte nun factor de ralentización dos propios enxuizamentos. Segundo Colmenero, de forma "aínda bastante estendida" non se entende esta xurisdición especializada en Violencia de Xénero como "prioritaria"; e polo tanto, como asuntos nos que "a celeridade é moi importante". "Falta moito traballo por facer para que quen estea empregado no ámbito da violencia de xénero comprenda todo isto", advirte.
A Rede contra os Malos Tratos de Vigo leva traballando canda a moitas mulleres na cidade desde o ano 1998 e é das poucas asociacións que segue de cerca os procesos xudiciais e sentenzas que se toman ao respecto de casos de violencia de xénero e asuntos de custodias compartidas. "Sabemos o que pasa dentro dos xulgados, e hai veces que resulta inmoral; non estamos nada conformes co tratamento que se lles dá as mulleres e non xustificamos para nada os retrasos que se están dando nos xulgados", sentenza. Fontaíña nota que cada vez máis mulleres chegan á asociación "desesperadas" porque "necesitan unha resolución dunha vez por todas". As maiores dilatacións no tempo obsérvaas nos xulgados de Familia, onde, asegura, se están "concedendo custodias compartidas de crianzas de dous anos a maltratadores". "Cando se vai romper con todo isto? Levamos 23 anos, todos os días do ano, machacando nestes temas. E vemos que cada vez máis van a polas mulleres".
FALTA DE MEDIOS
A presidenta da asociación define o que está acontecendo nos xulgados como de "ciencia ficción", sobre todo a raíz da pandemia da Covid, que non fixo máis que "agravar" un problema que xa se viña arrastrando dende había tempo, segundo sinala. Xunto á variable pandemia, que provocou un aumento de vítimas de violencia de xénero pero un descenso de denuncias interpostas, diversos profesionais da avogacía contactados por este xornal indican outros tres factores, máis sistémicos, que entran en xogo: a "saturación" de órganos xudiciais, a falta de medios humanos suficientes e a ausencia de formación en sensibilización de violencia de xénero. Un cóctel que provoca retrasos en certos procesos xudiciais, se ben os profesionais tamén fan fincapé no perigo de xeneralizar e na necesidade de ter en conta a particularidade de cada caso.
Neste sentido, Borxa Colmenero indica que sobre todo en casos de acoso - chamadas reiteradas, ameazas ou visitas a domicilio a horas estrañas - "hai demoras importantes e inxustificadas de meses para facer instrucións básicas". "Teño algún asunto de violencia de xénero que leva atascado ata dous e tres anos. Ás veces cómpre presentar varios escritos pedindo a celeridade do procedemento; e ameazando mesmo a funcionarios por poderen incurrir nalgún delito de obstrución á tramitación ordinaria do propio procedemento". Insiste en que a violencia de xénero vai moito máis alá do maltrato físico claro e evidente: "as ameazas, as pequenas cuestións aparentemente domésticas que poden ter moita trascendencia neste tipo de delitos son vistas como cuestións moi menores, e iso fai que sexan tramitadas como denuncias ordinarias, o que á súa vez provoca que se alonguen no tempo moitísimo. Incluso que se cheguen a arquivar estes procedementos", sinala.
Pola súa banda, a avogada Ana Fidalgo, con moita experiencia en casos de violencia de xénero, indica que "unha media dun ano non a quita ninguén", mais focaliza o problema non tanto nos Xulgados de Violencia contra a Muller coma nas Audiencias Provinciais. "Todo o que entra na Audiencia pode estar ata un ano paralizado. Teñen moita acumulación de procedementos e pleitos para pouco persoal. Trátase de falta de recursos dende o primeiro momento", resume. Cousa semellante acontece cos trátimes relacionados cos informes psicosociais por parte do persoal forense. "Aínda que é certo que violencia de xénero pasa primeiro como causa preferente, hai atasco, sobre todo en temas de familia. Levamos anos queixándonos do colapso do equipo psicosocial. Agora explotará coa Covid", conta outra das avogadas contactadas, Asunción Fieira, que leva máis de 25 anos exercendo e tratando con mulleres en situación de maltrato.
Para a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo xa non serven máis excusas: "Se os xulgados non teñen recursos, que os demanden; pero non os vexo saír nos medios de comunicación. Non se está xogando ao dominó, estase xogando coa vida das persoas", sentenza Fontaíña, que dá a súa última puntada no referido á saúde mental das mulleres, das crianzas que pode haber polo medio e do entorno máis achegado: "É onde todo isto acaba repercutindo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.