Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2021 | Actualizada ás 14:00
Continúa a polémica implantación de aeroxeradores de enerxía eólica sobre territorio galego. Nos últimos meses, o movemento ecoloxista da Comunidade vén de cargar fortemente contra a política de man aberta adoptada pola administración Feijóo no tocante aos proxectos destas empresas --tan de man aberta que o TSXG tivo que frear unha instalación por “irregularidades”--.
O derradeiro episodio desta polémica que ameaza con se cronificar, porén, non vén das institucións autonómicas senón do Goberno central. O Executivo estatal sería responsable do macroparque eólico que vén de ser anunciado pola Deputación de Pontevedra e que, de acordo co texto oficial, contemplaría a construción de dous conxuntos repartidos entre os concellos de Lalín, Rodeiro, Dozón, Vila de Cruces e Silleda.
Os proxectos eólicos, impulsados por Green Capital Power, atópanse neste momento en proceso de exposición pública; trámite que os achega un paso máis á construcións das torres contempladas. Ambos parques contemplarían unha potencia total de 56 MW, cifra relativamente elevada e que explica que o proxecto non corra ao cargo da Xunta --sen autorización para dar luz verde a proxectos deste tamaño-- senón do Goberno central.
125 METROS DE ALTURA
En total, o proxecto conducido polo Goberno central contempla a construción de 20 torres aeroxeradoras que estarían repartidas neses dous proxectos, un co nome de Val do Folgoso --que abrangue terras de Lalín, Rodeiro e Dozón-- e outro baixo o título de Monte dos Porcallos --contemplado sobre Lalín, Vila de Cruces e Silleda--. En total, dúas decenas de torres que superarían os 125 metros de altura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.