Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 16:28
O Ingreso Mínimo Vital (IMV) chegou en marzo a 10.975 fogares galegos e repercutiu nun total de 27.779 beneficiarios --persoas que conviven no mesmo fogar con aquel que recibe a prestación--. De media, o Ingreso Mínimo está en Galicia nos 467, 75 euros.
Os datos, recompilados polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e facilitados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións nun comunicado, mostran tamén o número total de prestacións outorgadas a nivel estatal, 203.000, e de beneficiarios, 565.000 persoas. Neste caso, a contía media percibida, 460 euros, é lixeiramente inferior á galega.
Segundo explicou o Ministerio, o Ingreso Mínimo Vital cobre a diferenza ata un limiar de renda garantido que varía en función do tipo de fogar, para o que se contabilizan as rendas preexistentes, se existen, con excepción das rendas mínimas das comunidades autónomas.
Así, o limiar de renda garantida varía entre os 470 euros ao mes --o equivalente a unha pensión non contributiva-- para un fogar unipersonal e os 1.033 euros ao mes para unidades de convivencia formadas por dous adultos e tres ou máis menores ou tres adultos e dous ou máis menores ou por catro adultos e un menor.
Na comunidade galega, do total de beneficiados polo ingreso --"que se abonará nos próximos días"--, 11.283 son menores de idade, é dicir, un 40,62%. A nivel nacional, a cifra ascende ata o 43% de menores beneficiados polas contías e o Ministerio destacou ademais que "case o 70% das unidades de convivencia ás que se lle abonará a nómina de marzo teñen polo menos un menor nelas".
A CORUÑA, A PROVINCIA CON MÁIS PRESTACIÓNS
Por provincias, o maior número de prestacións rexistrouse na Coruña, 4.924, onde se beneficiaron un total de 11.946 persoas, das que 7.344 son adultos e 4.602, menores. O ingreso medio sitúase nos 450,28 euros por fogar. A contía media percibida por fogar máis alta --500,87 euros-- da comunidade, e tamén das máis altas do país, dáse en Lugo, onde se concederon 1.493 prestacións, das que se beneficiaron 4.140 persoas --2.300 adultos e 1.840 menores--.
Pontevedra, pola súa banda, recibiu 3.265 prestacións que repercutiron en 4.866 adultos e 3.493 menores --un total de beneficiarios de 8.359--. O ingreso medio por fogar sitúase nos 460,13 euros. Por último, 3.334 ourensáns --1.989 adultos e 1.345 menores-- beneficiáronse das 1.293 prestacións outorgadas. Nesta provincia, a contía media é de 459,70 euros.
Os datos a nivel nacional do Instituto da Seguridade Social analizan outros parámetros como o xénero --máis do 70% dos titulares da prestación son mulleres e tamén son maioría entre os beneficiarios, con 316.163--, ou a idade media, que é de 43,51 anos. O grupo máis numeroso son as persoas entre os 36 e os 45 anos, que superan o 36% do total.
PRESIDENTE DO CONSEJO ECONÓMICO Y SOCIAL
O Ministerio de Traballo e Economía Social propuxo ao economista galego Antón Costas como próximo presidente do Consejo Económico y Social (CES), un posto vacante desde 2019 tras a marcha de Marcos Peña. Aínda que a candidatura ten que ser votada polo Goberno en Consello de Ministros, conta co visto e prace do Executivo no seu conxunto, segundo trasladaron a Europa Press en fontes gobernamentais.
Costas é enxeñeiro técnico industrial e economista. Ademais, é catedrático de política económica na Universidade de Barcelona e os seus intereses académicos relaciónanse especialmente coa formación de políticas públicas e reformas económicas e o papel que xogan as ideas, os intereses e as institucións neses procesos. Na vertente empresarial, é membro dos consellos de administración de Laboratorios Reig Jofre, Banco Mediolanum, Grupo Adegas Terras Gauda, e Barnaclínic.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.