Denuncias de abandono na xustiza: “houbo que pagar polas PCR porque o Sergas non as facía”

Funcionarios dos xulgados galegos aseguran que eles e as súas familias están a ser “excluídos” dos cribados masivos por un erro informático. Un sindicato apunta a que os problemas estarían a ter lugar nunha empresa privada contratada pola Xunta. O Sergas nega ter rexistrado problemas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Conforme pasan as semanas e a vacinación avanza en Galicia vanse sucedendo denuncias de colectivos alertando da súa “exclusión” do proceso de inmunización. O derradeiro berro veu dos profesionais de atención a discapacitados, como informou Galicia Confidencial, pero xa antes se fixeran coñecidas as reclamacións de estudantes, profesorado ou mesmo dúas irmáns galegas cunha enfermidade rara que, malia ter dificultades respiratorias, seguen sen recibir o preparado.

Unha imaxe da primeira xornada do xuízo sobre a propiedade do Pazo de Meirás. Pool
Unha imaxe da primeira xornada do xuízo sobre a propiedade do Pazo de Meirás. Pool

Os casos de persoas “esquecidas” na vacinación, en fin, sucédense cada poucos días e, golpe a golpe, a contribúen a lixar o ton triunfalista co que Núñez Feijóo presume do ritmo de vacinación en Galicia. O derradeiro caso de críticas á xestión sanitaria da Xunta vén da man dos funcionarios de xustiza na Comunidade, que denuncian un esquecemento total dende os primeiros momentos da pandemia a raíz dun erro informático que segue sen se reparar.

“Aquí hai xente que tivo que pagar as súas propias PCR porque o Sergas non facía cribados”, explica Pablo Valeiras, da formación sindical Alternativa na Xustiza. Esta plataforma --vencellada á CUT-- leva semanas denunciando, xunto coa CIG e CC.OO. unha situación de “exclusión” que ata hai poucos días estaba a deixar a boa parte dos funcionarios dos xulgados sen vacina e aos fillos sen dereitos a participar nos cribados masivos; problema este último que segundo as mesmas fontes segue vixente. 

MAL TRASLADO DE DATOS

O problema, de natureza administrativa, vén de atrás. “Dende o minuto un da pandemia estamos fóra do mundo”, espeta Xesús H. Sánchez Costa, da CIG. Este “esquecemento” que segundo os sindicatos vén dende marzo de 2020 ten que ver un mal traslado de datos médicos polo que Alternativas na Xustiza apunta directamente ao Sergas e á “empresa privada subsidiaria” que, segundo destacan, estaría a desenvolver este labor.

A cuestión atópase en que os funcionarios de xustiza de Galicia pertencen ás chamadas ‘clases pasivas’; cando menos os que entraron antes de 2011. Este réxime especial implica que, no canto de formar parte directamente da seguridade social, conten cunha mutua; que no caso da xudicatura é Muxexu. Dende CC.OO explican que esta pertenza “non é unha opción” e “moito menos un privilexio”, senón que se trata dun réxime obrigatorio.

De feito, os funcionarios de Muxexu poden escoller se optan por un servizo de saúde privado ou polo sistema público, todo dentro da mutualidade. O problema das vacinas, aparentemente xa solucionado, tería chegado chegaría no caso dos funcionarios que optan polas clínicas, e que segundo Xesús H. Sánchez son a grande maioría dos traballadores: “aproximadamente un 90%”, explica. 

"EXCLUÍDOS" DOS CRIBADOS

O Sergas, deste xeito, non dispoñería ata hai pouco dos datos destas persoas para chamalos a vacinar, pero tampouco para chamalos aos cribados, outra das cuestións que denuncian os “excluídos” da xustiza: “aínda non nos chamaron a un só dos grandes cribados que se fixeron nas cidades dende que comezou a pandemia”, asegura Valeiras, de Alternativa na Xustiza. 

Este problema, que segundo os denunciantes leva tendo lugar dende os primeiros compases da covid-19, estaríase a deixar notar de novo coa campaña de probas de saliva que están a repartir as farmacias de varias cidades galegas á poboación adolescente. Os fillos destes funcionarios, ao formar parte da mesma mutualidade, tampouco contan cos seus datos rexistrados no Sergas, de aí que queden sen a PCR: “cando vas á farmacia a facer o cribado dinche que o neno non aparece nas bases de datos”, explica Valeiras.

O esquecemento denunciado replicábase, por outra banda, no eido das vacinas. Os funcionarios de xustiza están a ser convocados como o resto da poboación, é dicir, por franxas de idade. Pero a meirande parte deles, segundo as denuncias, seguían ata o pasado día 27 sen noticias do Sergas. “Non reciben ningunha chamada ou indicación de cando lles vai corresponder”, explicaban dende CC.OO. días atrás.

PAGAR POLA PCR

Por que este esquecemento? Segundo explican dende a CIG, o problema débese a un mal traslado de datos dende a mutua ao Sergas. Ao parecer, e segundo destaca Sánchez Costa, o Sergas trasladoulles a comezos deste mes que Muxexu enviara a súa información sanitaria con problemas de formato que facía imposible introducila no sistema público e chamalos a vacinar. Porén, engade que o pasado día 18 Muxexu deu parte de que os datos foran trasladados con éxito, sen que o Sergas os chamara, polo momento, a vacinar. “A día 24 seguimos igual”, explica o da CIG.

De acordo coa Confederación, o problema que nestas semanas estaría a afectar á Xunta non é exclusivo de Galicia, senón que tamén se está a dar noutras comunidades do Estado, como Canarias. Porén, dende Alternativa na Xustiza cargan contra a administración autonómica galega por este erro administrativo. Segundo destacan, a “mala xestión” dos seus datos podería deberse ao funcionamento dunha empresa privada na que a Xunta tería delegado este servizo. Dende a formación vencellada á CUT explican que descoñecen o nome da compañía porque non lles foi comunicado.

Ante estas denuncias, a Consellería de Sanidade nega que ter rexistrado “ningún tipo de problema” no tocante á vacinación deste colectivo e subliñan que “os listados foron volcados”. De xeito paralelo, o organismo dependente da Xunta subliña que a competencia de enviar os datos “é das mutuas”, e incide en negar a exclusión do colectivo. Dende a CIG veno doutro xeito: “Cando tivemos os casos positivos nos xulgados o Sergas non chamou practicamente nunca a ningún traballador. Houbo xente que tivo que pagar polas súas PCR”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta