O fabricante dun accesorio para cadeiras infantís nega que fose o causante da morte dunha nena en Vilanova

Rivekids asegura que o atestado xudicial non responsabiliza o seu accesorio, en contra do manifestado pola Asociación Unificada da Garda Civil.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

O fabricante dun accesorio para cadeiras infantís nega que o seu dispositivo fose o causante da morte en 2018 dunha nena de tres anos nun accidente de tráfico en Vilanova de Arousa.

Cadeiras de bebés nun coche
Cadeiras de bebés nun coche | Fonte: RiveKids.

Tras presentarse na causa xudicial aberta tras o falecemento, en agosto de 2018, dunha nena de tres anos como consecuencia do impacto do coche no que viaxaba contra a parte traseira dun autobús, a empresa Rivekids asegura que o atestado redactado pola Garda Civil en ningún momento inculpa o seu dispositivo RiveMove como causa do falecemento da menor.

A través dun comunicado, o director xeral de Rivekids, José Laguna, explica que a empresa non recibiu "ningunha demanda ou querela, nin ningunha prohibición oficial que impida comercializar o dispositivo".

Laguna denuncia que as informacións nas que se sinalaba o seu accesorio como causante da morte da nena responden a "unha operación de desprestixio" que ten por obxecto "sacar do mercado este dispositivo".

As informacións ás que fai alusión a firma teñen a súa orixe nunha nota de prensa emitida pola Asociación Unificada da GArda Civil. O pasado mes de febreiro, esta entidade alertaba do perigo do uso deste tipo de accesorios.

"Estes dispositivos non se atopan contemplados dentro da regulamentación de homologación polo que non é posible garantir que o uso dos mesmos non ten un efecto negativo na seguridade dos ocupantes", sinalaba a asociación.

Pola contra, Rivekids asegura que na folla 27 do atestado afírmase que, neste caso, ao ser unha colisión por alcance, o desprazamento lateral da cadeira "non inflúe no resultado".

No seu escrito, advirte que "o Ministerio de Industria, a ATGC e a DXT coñecían o seu dispositivo RiveMove desde hai catro anos". E atribúe a campaña en contra da súa empresa "a un forte lobby, cunha gran influencia tanto en institucións públicas como privadas".

Rivekids admite que o seu accesorio non está homologado, tal e como indicaba a nota da AEGC, pero lembra que "os únicos elementos que poden estar homologados nun vehículo, son os propios compoñentes do coche e as cadeiras".

O resto de accesorios ou dispositivos, como espellos, aproximadores de arnés, soportes para tablets, GPS ou teléfonos, 'spacers' ou limitadores de impacto lateral para SRI, están englobados dentro dos produtos chamados "aftermarket", aclara Rivekids.

Por iso, a pesar de non resultar posible a súa homologación e, como ocorre coa maioría de produtos 'aftermarket', "sendo posible a súa comercialización sen requisitos adicionais, en Rivekids decidiuse, desde o compromiso coa seguridade, certificar voluntariamente o dispositivo por unha entidade independente de certificación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta