Aprobada a lei de incautación de terras só co apoio do PP e críticas da oposición por "forestalista"

Inclúe unha moratoria de eucalipto ata final de 2025 e fixa en 10 anos o prazo para o que a Xunta quede con terreos abandonados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

O PPdeG quedouse só na aprobación da nova lei de recuperación de terra agraria, un texto que foi rexeitado polo BNG na Cámara galega e que contou coa abstención do PSdeG.

Nesta lei inclúese unha disposición transitoria pola que haberá unha moratoria de novas plantacións de eucaliptos ata final de 2025 --estarán permitidas repoboacións en terreos con presenza desta especie--.

Este punto provocou as críticas da oposición, que tachan a lei de "forestalista". Xosé Luís Rivas, Mini (BNG) tacha esta moratoria de "cortina de fume para desviar a atención", dado que provocou un "frenesí plantador" de eucalipto antes de que entre en vigor. De feito, asegura que ata "se está roubando planta pola noite en recentes plantacións".

Respecto diso, Martín Seco (PSdeG) criticou a "errática" suspensión de novas plantacións de eucaliptos ao provocar "inseguridade". Lamenta unha "intervención lamentable" no mercado da madeira, que suporá unha caída de prezos e "potenciar o monocultivo".

En fronte, Elena Candia (PPdeG) valorou esta moratoria como: "Unha decisión valente para protexernos do monocultivo". "Foron máis incentivadores vostedes ás plantacións que o texto da lei", reprochou á oposición.

O conselleiro de Medio Rural, José González, pediu a quenda de peche para asegurar que esta é unha "lei de todos", de maneira que agradeceu que "saíu moi mellorada" tras o seu trámite parlamentario.

Así, incorporáronse máis de 250 emendas, entre as que está unha do PSdeG para ampliar a 10 anos (a proposta inicial eran cinco anos) o prazo para que donos poidan reclamar terreos abandonados antes de que pasen a propiedade da Xunta. "Ninguén se quere quedar coa terra de ninguén", garante.

Votación da lei de recuperación de terra. CAPTURA
Votación da lei de recuperación de terra. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta