Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 22/05/2021 | Actualizada ás 22:00
Persoal interino manifestouse o domingo 9 de maio polas rúas de Compostela pedindo unha solución ao seu estado dentro da función pública. Desde que a UE sacase a directiva a directiva 1999/70/CE, España foi conminada a reducir as altas taxas de temporalidade dentro das diferentes administracións públicas. Desde ese momento non foron poucos os e as interinas que, algúns con décadas encima, denunciaron nos tribunais a súa situación resolvendo os xuíces que eran traballadores laborais indefinidos non fixos. As perspectivas desde o corpo de traballadores e traballadoras da función pública concorda en que si é necesario arranxar esta situación, mais o punto de desencontro é como.
FRAUDE DE LEI
A Plataforma de Empregados Temporais das Administracións Públicas Galegas, PLATEGAL denuncian a situación de “fraude de lei” en que están un número importante de traballadores e traballadoras públicas. Segundo o Estatuto Básico do Empregado Público, os traballadores públicos son contratados de maneira temporal, interinos ou funcionario temporal. “Esas prazas teñen que saír ese mesmo ano que te contratan ou para o outro ano e ten que ir a totalidade de prazas” di Óscar Calvo de Plategal.
Segundo Emilio Doforno, de CCOO, dentro do ámbito da administración xeral na Xunta “estamos falando en funcionarios dun 9,5% e en persoal laboral de mais dun 37,5%”, Outros departamentos como as consellerías de Política Social e a de Medio Rural as porcentaxes de temporalidade de máis do 60%. Lino Díaz Goás, de UGT, apunta que “dentro do persoal funcionario, interinos segundo o IGE hai un 14%, persoal laboral a porcentaxe sería do 44%”.
A explicación para esta elevada interinidade na administración galega pasaría polas chamadas “taxas de reposición”, creadas durante a crise económica. Restaurar mediante OPE unha porcentaxe determinada de funcionarios. O resto de vacantes serían cubertas con persoal temporal. “Se se xubilan 500 traballadores e a taxa de reposición é do 100% tes que facer OPE para 500, aínda que haxa 1.000 vacantes” sinala Fernando García da CIG. O abuso da temporalidade “foi xerado pola mesma Administración que non creou OPEs, tal como dixo a UE” di Juan Carlos Rivas, de CSIF, que engade “para solucionar isto hai que acudir ao lexislativo e habilitar unha compensación sobre este abuso”.
VÍAS DE COMPENSACIÓN OU OPES?
“Os que estamos xa accedemos ao posto, queremos regularizar a nosa situación” sinala Óscar Calvo. “A bolsa de contratación ábrese en función tamén de méritos, se te chaman traballas, e logo valorarán os méritos”. En base a isto, desde Plategal valoran que a Administración non cumpre coas leis que ela mesma elabora e o temor da maioría do persoal interino é non superar unhas probas ás que concorrerán moitos con 50 ou máis anos, a maioría mulleres. Abrir unha OPE tamén suporía que un bo número de interinos podería quedar sen traballo, nunha idade difícil e con cargas familiares.
“Hai un numero importante de traballadores que superan os tres anos, polo que se poden considerar en fraude de lei” apunta Doforno, quen insiste en que “iso non exime de que o persoal afectado, por tratarse de emprego público, teñan que superar un proceso selectivo”. Lino Díaz pola súa parte fai mención ao Acordo de Concertación do Emprego Público de Galicia, o cal “entre outras patas ten a de desenvolver OPEs de consolidación e estabilización”, pensando tamén no laboral indefinido non fixo. A estabilización destes postos quedou asinada no acordo de Madrid na Lei de Orzamentos de 2017 no seu artigo 19 e que recollería a todas as prazas ocupadas de maneira ininterrompida ata o 31 de decembro de 2017. A postura era ter a taxa de temporalidade por debaixo do 7%. Así, a Xunta debera convocar OPEs en 2018, 2019, 2020 e 2021.
Un procedemento para consolidar ata certo punto o posto ocupado por un ou unha interina era denunciar ante os tribunais a situación en que se estaba. “A norma xeral era que se nunha empresa botas tres anos nun posto de maneira continua, fante fixo” explica Juan Carlos Rivas. “Os tribunais non podían declarar fixos aos interinos da administración porque chocaba coa Constitución e de aí saiu a figura de indefinido non fixo, para poder reclamar dereitos”. Isto mesmo confirma Fernando García, “unha persoa despois de anos denunciaba e declarábano indefinido”.
Non obstante, Rivas declara que en xullo de 2019 “o Tribunal Supremo eliminou o automatismo dos tres anos continuados nunha praza para quedar nela”, así “en Galicia hai tribunais que non recoñecen abuso en persoas con 10 ou 15 anos no seu posto”. “Entendo que o máis doado de é que me fagan fixo por decreto” sinala Lino Díaz, aínda que para iso sería necesario crear un marco legal que o permitise. Emilio Doforno lembra que se asinou o acordo de estabilización o 15 de xaneiro de 2019 publicado no DOG o 28 de xaneiro de 2019. Con ese acoro buscábase “a permanencia de persoal actualmente contratado mediante un proceso selectivo de concurso-oposición con redución de temas e probas e valoración máxima de experiencia”.
Os interinos senten que están sós na súa reclamación para permaneceren nos seus postos dentro da administración. Pola súa banda, os sindicatos conclúen que o marco actual e segundo acordos asinados, poderían crearse probas case que específicas para a consolidación de interinos. O temor destes últimos é non superalas, pois moitos e moitas superan os 50 anos e iso supón un freo no mercado laboral. Por outra parte, o acceso á praza sen pasar por OPE suporía a creación de novos marcos legais que, de facerse, levarían tempo e mentres a situación seguiría case que igual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.