Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 17/05/2021 | Actualizada ás 20:19
Un total de 13.224 fogares nos que viven 32.213 persoas, das que máis de 12.200 son menores, reciben xa o Ingreso Mínimo Vital (IMV), segundo o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
En concreto, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio e consultados por Europa Press, do total de fogares beneficiarios, o 41,8 % do total (máis de 5.500) son fogares sen menores a cargo. Mentres, un 30,3 % --4.003-- son fogares monoparentais e o 27,9 % restante --3.695-- son outro tipo de fogares con menores.
Por provincias, a que maior número de prestacións recibiu é A Coruña, con 6.036; seguida por Pontevedra, con 3.846; Lugo, con 1.776; e Ourense, con 1.566. En canto ao número de beneficiarios, a orde non varía, coa Coruña á cabeza -14.072--; e Pontevedra --9.572--, Lugo --4.671-- e Ourense --3.898-- por detrás.
En canto aos beneficiados en Galicia, 9.226 son mulleres e 3.997 son homes, cuxa media de idade sitúase nos 44,75 anos. O Ingreso Mínimo Vital garante un nivel de renda mínimo, cuxo limiar varía en función do tipo de fogar contabilizando os ingresos preexistentes, se existen, con excepción das rendas mínimas das comunidades autónomas.
O limiar de renda garantida oscila entre os 470 euros ao mes (o equivalente a unha pensión non contributiva) para un fogar unipersonal e os 1.033 euros ao mes para unidades de convivencia formadas por dous adultos e tres ou máis menores ou tres adultos e dous ou máis menores ou por catro adultos e un menor.
ÁMBITO ESTATAL
No ámbito estatal, 260.206 fogares nos que viven 682.808 persoas, das que máis de 276.000 son menores, reciben xa o Ingreso Mínimo Vital. Do total de fogares beneficiarios, o 61% (máis de 160.000) conta con menores a cargo; case un de cada tres (28%), 73.301, son fogares monoparentais; e un 33% --87.403-- son fogares non monoparentais con menores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.