Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/05/2021 | Actualizada ás 18:12
O Ministerio para a Transición Ecolóxica defende que "non hai inxerencia" en competencias autonómicas co recurso contencioso-administrativo do Executivo estatal contra o plan galego de explotación marisqueira 2021-2023, "senón incumprimento por parte da Consellería do Mar dos trámites previstos na lexislación autonómica e estatal, mesmo tras requirirlles expresamente a fin de evitar a impugnación xudicial".
Así o expresa este sábado nun comunicado, no cal remarca que o Ministerio para a Transición Ecolóxica requiriu da Xunta que derrogase o plan por aprobarse sen contar co preceptivo informe do Ministerio, tal e como prevén os artigos 112 da Lei de Costas e 30 da Lei de Pesca de Galicia, segundo expón.
Deste xeito, lamenta que a Xunta rexeitou este requirimento --en escrito de data 15 de marzo de 2021--, o que derivou na interposición dun recurso autorizado pola Avogacía do Estado.
"A Xunta está obrigada a cumprir coa lexislación vixente, estatal e autonómica, con todo, non pediu o informe con carácter previo, nin tampouco emendou a súa carencia tras requirírselle nese sentido", quéixase este departamento estatal. "Por ese motivo interpúxose o recurso contencioso administrativo. Recurso que se, como sostén a Xunta, carecese de fundamento, non sería autorizado pola Avogacía do Estado", engade.
Igualmente, o Ministerio para a Transición Ecolóxica di comprender "a lóxica preocupación que se puido xerar no colectivo de mariscadores". "Pero esta inquietude non se pode achacar a quen cumpre e pide que se cumpra a normativa vixente, senón á parte que claramente incumpre e ademais persiste niso", deixa claro.
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, espera que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dea a razón á Xunta ante o recurso contencioso administrativo que presentou o Ministerio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.