Coñece os segredos revelados polos esqueletos atopados na catedral de Lugo

As análises dos restos de quince individuos soterrados na capela do Pilar indican que formaban parte dunha casta privilexiada dos séculos XIV e XV. O achado de seis menores de 7 anos sorprendeu ás investigadoras Olalla López Costas, Gundula Müldner e Kerstin Lidén.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 19/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Na capela do Pilar da catedral de Lugo, os esqueletos de 15 individuos soterrados alí gardan historias persoais representativas da sociedade luguesa e galega na Baixa Idade Media. 955 elementos esqueléticos revelan que se trataba de individuos que viviron comodidades que a inmensa maioría dos cidadáns da época non coñeceron, probablemente polos seus vencellos co clero.

Esqueletos da Idade Media atopados na capela do Pilar da catedral de Lugo
Esqueletos da Idade Media atopados na capela do Pilar da catedral de Lugo | Fonte: López-Costas O. 2012. Antropología de los restos óseos humanos de Galicia: Estudio de la población romana y medieval gallega, Universidad de Granada, Tese doutoral.

Tres investigadoras asinan unha nova achega científica coa que pretenden reconstruír as historias biolóxicas das persoas enterradas na capela real da catedral de Lugo, coñecida como a capela do Pilar desde o século XVII. Unha reconstrución que nos permite coñecer mellor como era a sociedade galega nos séculos XIV e XV, nos que se datan a maioría dos esqueletos achados e analizados.

Olalla López Costas, responsable do grupo EcoPast da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asina no International Journal of Osteoarchaeology un traballo sobre as “historias biolóxicas” daqueles individuos, canda Gundula Müldner, do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Reading (Reino Unido), e Kerstin Lidén, do Laboratorio de Investigación Arqueolóxica da Universidade de Estocolmo (Suecia).

A situación das tumbas na catedral e a súa manufactura indican que os esqueletos pertencían a “unha clase social acomodada ou alta e moi relacionada coa igrexa”

O seu estudo, din, “pretende reconstruír as historias biolóxicas das persoas enterradas na capela real da catedral de Lugo”, para o cal empregaron “perspectivas antropolóxicas, xeoquímicas e históricas”, aplicando un estudo “macroscópico e radiográfico sobre 955 elementos esqueléticos” de 15 individuos achados alí, unha análise multi-isótopo de 12 mostras humanas e catro animais, e o estudo de 1.407 documentos dos arquivos da catedral.

“As análises de fontes paleopatolóxicas, multi-isótopas e históricas combínanse para abordar o estilo de vida de 15 individuos da capela real da catedral de Lugo”, explican as autoras (a paleopatoloxía busca marcas deixadas nos ósos ou nos dentes resultantes dalgunha lesión ou enfermidade).

A principios de xullo de 2007 iniciouse un seguimento arqueolóxico e unha posterior intervención nunha das capelas laterais da xatedral de Lugo, a norte, na cal se descubriron sete tumbas.

Antes de erixirse a catedral, existen evidencias dun primeiro templo, de estilo prerrománico, construído no século VIII no mesmo lugar no que a partir de 1129 se comezou a edificar a catedral románica, logo remodelada en diferentes períodos e estilos.

A do Pilar é unha capela gótica que antigamente estaba ocupada por dúas capelas separadas: a capela dos Reis e a capela de San Froilán. Foi o mestre arquitecto Gaspar de Arce Solórzano quen, en 1611, uniu as dúas capelas.

CLASE PRIVILEXIADA

Os estudos realizados indican que os enterramentos na zona da capela do Pilar datan da Baixa Idade Media, cando se produciron cambios importantes que reestruturaron a cidade de Lugo, principalmente un forte apoxeo da burguesía e o asentamento das ordes mendicantes, como xa avanzou Olalla López na súa tese doutoral, ‘Antropología de los restos óseos humanos de Galicia: estudio de la población romana y medieval gallega’.

De feito, como clarifica esta autora, “malia que os documentos testamentarios que chegaron aos nosos días son relativamente poucos, sabemos que os artesáns se enterraban no cemiterio ao redor da igrexa, mentres que os individuos relacionados directamente co clero e as súas familias, normalmente nobres, facíano no interior”.

Polo tanto, tendo en conta a situación das tumbas dentro da catedral e a súa manufactura e calidade dos materiais utilizados, deduce que os esqueletos enterrados nesta capela pertencían a “unha clase social acomodada ou alta e moi relacionada coa igrexa”. De feito, lembra, “as capelas da catedral de Lugo foron construídas baixo mecenado de diversas familias nobres que moitas veces se enterraban nelas; ademais, os capeláns tamén posuían ese dereito”.

As investigadoras identificaron “sete varóns maduros, unha posible muller e seis cativos de menos de 7 anos”

Como recordaba esta investigadora na súa tese doutoral, “os membros do clero catedralicio, e especialmente os bispos e as súas familias, estaban na cima da sociedade medieval da cidade de Lugo”. “As ganancias que proporcionaba a diocese eran numerosas, xa que o bispo e o cabido catedralicio aforaban terras e recibían numerosas rendas en forma de diñeiro, cereais, gando, viño e peixe, normalmente anguías ou outros peixes de auga doce”.

Pero ademais de “dispoñer de abundante comida e diñeiro”, as tres investigadoras que asinan agora a nova achega teñen “constancia de que polo menos o cabido e o bispo tiñan acceso a tratamento médico”, algo relevante, xa que “o acceso a estes recursos condicionaba o seu estado de saúde, o cal podería reflectirse nos esqueletos” atopados e analizados.

As características das tumbas, de lousa, e as análises dos ósos alí soterrados levan a pensar que a capela do Pilar na catedral de Lugo constitúe un “espazo de enterramento privilexiado”.

Os ósos atopados conservábanse nun estado óptimo para a análise científica. Os esqueletos eran na súa maioría de homes de idade madura, pero na zona sur acháronse seis infantís menores de sete anos, e hai restos atribuíbles probablemente a unha muller nun enterramento previo á construción da capela.

“Todo iso suxire un espazo especialmente destinado a homes, cunha zona para o enterramento de infantes”, segundo Olalla López.

Neses restos esqueléticos, as investigadoras puideron identificar, así, “sete varóns maduros, unha posible muller e seis cativos de menos de 7 anos”, os cales “morreron entre finais do século XIV e principios do XV”, agás a muller, que “viviu un par de séculos antes”, esclarecen as investigadoras.

“Todos os individuos identificados, agás un, viviron entre o século XIV e principios do XV, e mostran características dun alto nivel de vida”, proseguen as investigadoras, que sinalan que “é probable que os homes fosen membros da catedral (capeláns, administradores, sancristáns, pero non bispos) ou nobres parentes destes, segundo os documentos conservados”.

SORPRESA POLA PRESENZA DE NENOS

A presenza de restos de cativos na capela é, para estas autoras, “relativamente sorprendente". Con base nos seus achados, cren que eses nenos “poderían ser membros de familias nobres ou estar implicados na vida da catedral, por exemplo, titorizados como membros da escola da catedral”, propoñen.

Os cativos puideron ser nenos de familias nobres tutelados polo clero ou mesmo "descendentes de clérigos”

Recordan, ademais, que “os nenos de familias nobres recibían educación relixiosa desde os seus primeiros anos e normalmente eran enviados para ser tutelados por padriños ou patróns”. Outra posibilidade, din, é que fosen “descendentes de clérigos”, algo que non é descartable xa que, como recordan, por exemplo “entre 1496 e 1499 produciuse unha forte reforma nas comunidades relixiosas galegas para deter o nacemento de nenos de prioresas e capeláns”.

Por outro lado, semella que a zona sur da capela estaba dedicada para ritos funerarios con nenos menores de 7 anos finados. Nesta liña, as autoras destacan que “de 7 a 10 anos era a idade para que os nenos que vivían en comunidades relixiosas comezasen a traballar” e, “segundo San Isidoro de Sevilla, a infancia remataba aos sete anos”.

As análises levan a pensar que tanto a muller como un dos adultos, ademais dos cativos, “probablemente pasaron os últimos anos da súa vida na zona de Lugo, mentres que os outros homes puideron vivir fóra, incluída a España central”, apuntan. De feito, un dos individuos analizados no estudo “parece que pasou parte da súa vida no centro de España antes de morrer”, segundo as análises feitas, e sábese que na época “as conexións exteriores da catedral de Lugo foron principalmente coa meseta castelá”.

Máis detalladamente, o estudo isotópico e paleopatolóxico suxire que algúns puideron ter “unha vida activa e viaxeira, e polo menos un deles tiña conexións coa España central”, mentres que “os nenos eran locais e posiblemente estaban conectados coa nobreza”.

SAÚDE DOS INDIVIDUOS ATOPADOS

As análises indicaron que “a estatura dos homes era elevada con respecto a outras series peninsulares”. De feito, dous dos individuos medían 1,70 metros e outro, 1,73, sendo a estatura media 168 centímetros entre os sete varóns nos que se puido medir a súa altura.

No que se refire ao seu estado de saúde, cinco individuos mostraban marcas de osteíte (inflamación do óso), aínda que só nun caso esta era xeneralizada, mentres que se identificou sinusite en cinco dos suxeitos.

Por outra banda, tres dos catorce individuos mostraban polo menos unha fractura, e tres presentaban nódulos de Schmörl, cunha mediana de catro nódulos por individuo na zona dorsal e tres na lumbar.

As investigadoras atoparon traumas como fracturas de costela e falanxe, que “puideron ser causados por actividades cotiás”, pero o trauma craneal detectado en tres dos individuos analizados probablemente está “máis relacionado coa violencia interpersoal” da época, explican.

Os de alimentos que puideron formar parte da súa dieta son "indicativos dun estándar de vida maior que o doutras necrópoles” en Galicia

No que se refire a enfermidades metabólicas, as porcentaxes de afectación foron baixas ou inexistentes, agás para a criba orbitaria, presente en sete individuos (a criba orbitaria é unha lesión ósea situada no teito da órbita causada por una hipervascularización). Tamén se atopou un caso de hiperostose esquelética difusa idiopática (DISH), tamén coñecida como enfermidade de Forestier.

Por outro lado, entre os individuos adultos identificouse unha elevada prevalencia de artrose, probablemente relacionada coa idade avanzada dos mesmos.

A falta de enfermidades metabólicas importantes, a presenza de DISH ou gota, a elevada estatura dos individuos e a distribución de idades nos adultos son, en opinión das expertas, “consistentes” coa idea de que estes suxeitos tiñan unha dieta baseada en alimentos de orixe terrestre, fundamentalmente proteínas animais, cunha cantidade de carne importante, superior á doutros individuos, e que complementaban probablemente con peixes de auga doce. “Ambos os tipos de alimentos son indicativos dun estándar de vida maior que o doutras necrópoles” en Galicia, afirman.

Ademais, o feito de que algúns traumas e outras patoloxías tivesen unha boa evolución “podería estar relacionado co tratamento médico ao que sabemos que puideron acceder estes eclesiásticos e os seus familiares”, explican as investigadoras. Isto sería outro sinal da vida privilexiada da que gozaban estes individuos en comparación coa maioría da poboación da época. Algo que se reforza nos documentos do propio templo, que “suxiren” que, “probablemente”, os individuos atopados “eran membros da catedral (non bispos) e tiñan acceso a moitos recursos alimentarios e médicos”.

RELACIONADOS CO CLERO DA CATEDRAL

En resumo, a maioría dos individuos analizados “viviron entre os séculos XIV e XV e probablemente pertenceron a un estrato social de medio a alto estreitamente relacionado co bispado da catedral”.

“A nosa investigación demostrou que a capela real de Lugo acolleu o enterro de varóns preferentemente maduros, situados no seu lado norte, e de cativos situados na súa zona sur. É probable que os varóns estivesen relacionados co clero da catedral –posiblemente capeláns, administradores ou sancristáns, pero non bispos– ou nobres parentes destes. Tiveron unha vida activa e viaxeira con moitos recursos alimenticios dispoñibles, incluíndo carne, ovos, queixo e anguías. O viño posiblemente consumíase moito, así como o pan de centeo ou de trigo, pero non o millo. Polo menos un deles tiña conexións co centro de España”, describen as investigadoras.

En canto aos cativos de menos de 7 anos enterrados na capela, cren que “pasaron toda ou boa parte da súa vida na área de Lugo” e que “foron tratados con coidado e enterrados nunha zona privilexiada”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta