Así son os cárceres galegos: falta de recursos, sobrecarga de violencia e a reinserción como utopía

"A sociedade ten un problema e o problema é que a xente que é asocial ou fixo dano á sociedade non se perde nin desaparece por metelos nun centro penitenciario. Isto hai que facelo visible". Falan os funcionarios das prisións de Teixeiro, A Lama, Monterroso, Bonxe e Pereiro de Aguiar. Este sábado concentraranse en Santiago de Compostela.

Por Alicia Casas | Compostela | 18/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se un cárcere é entendido como a evidencia do fallo dun sistema, dos delitos dunha sociedade, entón é a historia dun fracaso. E o que xustifica a privación de liberdade, un hipotético resultado como principio inspirador do labor penitenciario, é ou debería ser a historia dun éxito. 

Concentración na Lama en repulsa ás últimas agresións.
Concentración na Lama en repulsa ás últimas agresións. | Fonte: Fonte: TAMPM

Agresións entre internos, mortes por sobredose, apuñalamentos, incendios provocados, ameazas de morte, agresións a funcionarios. Son algúns dos sucesos que acontecen nos cárceres españois e das que non se libran tampouco os cárceres galegos. A prisión, claro, é un medio hostil de non fácil convivencia. Pero as incididencias sucédense case a diario e dende 2019 son os propios funcionarios (e non Institucións Penitenciarias) os que as difunden ao non sentirse amparados por un sistema que debería protexelos. Hai, canto menos, un incremento de agresións en paralelo ao rexistro da información.

"A sociedade realmente non sabe realmente que cantidade de primeiros graos hai porque á Administración non lle interesa. Iso sería como recoñecer un fallo no sistema: se ti non consegues que a xente se reinserte e se reeduque e notificas un incremento de agresións e primeiros graos, iso non te interesa e entón o que fas e 'marear a perdiz'"

Segundo di Marcial G., funcionario de prisións en Teixeiro e membro da comitiva nacional da asociación profesiol de traballadores "Tu abandono me puede matar": "no momento no que collimos nós as rendas da realidade que estabamos a vivir, do ocultismo, porque non había constancia do mundo de violencia ao que estabamos sometidos a nivel laboral, vimos que tiñamos só a punta do iceberg porque non tiñamos cobertura de todos os centros. E iso tendo en conta só as graves, xa parece que as ameazas ou empurróns ou baixas médicas non contan". 

No que vai de 2021 parece que a situación de violencia se ten intensificado, e non constatada unha relación directa co confinamento e as sucesivas restricións "a pandemia o único que fixo foi acrecentar os problemas en prisión, porque ao cortar os vis a vis os reclusos non puideron ter contacto directo cos seus familiares, e estar en contacto con eles e tocalos é unha especie de calmante", comenta o coordinador de TAMPM en Monterroso, Jose Manuel. Despois, cando se retomaron as comunicacións por vis a vis e os permisos, as circunstancias segundo o funcionario de prisións e tamén coordinador de TAMPM na Lama, Julio Díaz, non foron nin son tampouco "agradables": "porque unha persoa que está privada de liberdade ten que elixir entre saír a un permiso e logo volver e pasar dez días confinado nunha celda só (únicamente saen para facer chamadas) ou non saír e non ver a súa familia".

Prisión. RICARDO RUBIO- EUROPA PRESS - Arquivo
Prisión. RICARDO RUBIO- EUROPA PRESS - Arquivo

E parecida diagnose fan tamén Avelino A., de Bonxe, e Marcial G. de Teixeiro. No que apunta a coordinadora de TAMPM en Pereiro de Aguiar, Cristina, todos coinciden: o que si se notou a raíz da suspensión de permisos ao exterior e comunicacións por vis a vis foi a falta de droga nas prisións. En Teixeiro, fronte a escasez, o prezo mesmo chegou a triplicarse. "Digamos que a única droga que se lles subministraba era a metadona e outro tipo de medicación que lles daban os médicos en base ao seu historial clínico, e esas circunstancias fixeron que se minimizara bastante o consumo e a xente se fora acostumando, pero obviamente agora coas visitas houbo unha repunta de sobredoses, de intercambio de pastillas, máis violencia, máis reaccións, máis débedas..."

Jose Manuel, da cadea en Monterroso, coincide: o síndrome de abstinencia provocou que os internos estiveran "moito máis alterados e nervosos". Ao que Julio Díaz, da Lama, engade que "as persoas buscaban un sustituto a esa droga ao intentar facerse con distintos tipos de pastillas que dan os médicos a outros internos con patoloxías".

Porque aínda que as prisións galegas presentan diferenzas existen moitos elementos comúns. A de Teixeiro e a da Lama son as chamadas prisións Tipo. De construción máis recente e con espazos de convivencia máis amplos, celdas con ducha incorporada, peches e aperturas de celdas mecanizados e oficinas de seguridade para os funcionarios, teñen maior número de internos e módulos con internos moi perigosos. A de Bonxe, Monterroso e Pereiro de Aguiar son en cambio máis antigas, con apertura e peche de celdas manual, espazos de convivencia máis pequenos, menor número de internos. 

O elemento común é a presenza de persoas con patoloxías psiquiátricas, en incremento. En todas están e en ningunha deberían. Porque "os xulgados non teñen onde dar acollida ás persoas que cometen un delito e presentan unha patoloxía psiquiátrica e entenden que a prisión é un sitio. Cousa que non é así porque de feito nas sentenzas dise que debe ser tratado adecuadamente pero ao final acaban entrando en prisión", apunta Julio Díaz. "Os hospitais psiquiátricos están agora mesmo todos masificados e hai moitos internos que deberan estar tratados en hospitais penitenciarios psiquiátricos e non están porque non hai prazas para todos", comenta Jose Manuel.

A prisión non é o sitio e os medios tampouco. A situación da sanidade penitenciaria é agonizante e onde antes había dez ou doce médicos agora hai catro que están a piques de xubilarse. "Con gardas e atención 24 horas é inviable que haxa un servizo de atención médica que vaia aos módulos con certa periodicidade. Fai falla profesional médico, enfermeiros, máis auxiliares, para que os repartos da medicación non vaian en bolsas de medicamentos entregados dúas veces por semana. Que ás veces, falando cos servizos médicos, din 'non, esta non é a causa da sobredose' pero hai internos que así como son capaces de administrar a propia medicación son capaces de trapichear con ela", di Marcial G.

Tanto na prisión de Teixeiro como na Lama contan cun módulo de atención especializada para as persoas que presentan estas patoloxías, o programa Paiem. Pero no módulo non caben todos e moitos son destinados a módulos normais nos que a convivencia non é fácil "porque o resto de internos non teñen unha comprensión sobre esa enfermidade e ao final pois eses enfermos acaban por ser utilizados para conseguir medicación ou para que lles fagan a limpeza das celdas", comenta Julio Díaz. Extorsións, estalidos de violencia, brotes psicóticos.

Sen persoal para preservar a seguridade, sen recursos para conter as agresións e sen protección por parte das Institucións. A inseguridade dos internos é tamén a inseguridade dos seus traballadores e os males non son puntuais, son endémicos. "As RPT dos centros están baixo mínimos e dase a situación de que en moitos centros traballan menos funcionarios por turno do que os servizos mínimos decretan, indispensables para cando por exemplo se realiza unha folga", di Avelino, de Bonxe. Calculan, segundo sinala Jose Manuel, de Monterroso, que nos últimos anos perderon "3.500 funcionarios de Interior, polo que se antes nun módulo conflitivo tiñas cinco funcionarios agora hai dous, iso vai en detrimento da seguridade e por iso se están a producir tal cantidade de altercados".

"Un 20 ou 30% dos internos viviron en entornos agresivos e o modo que teñen de actuar e mediante unha agresividade verbal ou postural. O efecto coercitivo non é o mesmo se ese interno se dirixe a tres funcionaros (mantén unha actitude pasiva porque non pode facer nada) que a un."

"Eles (Institucións Penitenciarias) venden que fan unhas promocións de 900 funcionarios. Entre funcionarios xubilados, excedencias, falecidos e xente que deixa a profesión, vanse 1.100 e meten 200. É dicir, que suman menos 200 e aínda hai que engadilo aos 3.500. Se fora como eles din en tres anos estaríamos ben, e non é así", comenta Marcial G. Segundo os funcionarios non é este o único aspecto que a administración vende ou agocha.

Debido a chamada "segunda actividade" consta que traballan máis funcionarios en contacto directo con reclusos dos que en realidade traballan. Explica Avelino que cando un funcionario de vixilancia interior cumpre 57 anos e reúne unha serie de requisitos establecidos, pasa a postos onde non ten contacto directo con presos pero aínda así figuran como funcionarios de vixilancia interior: "tendo en conta que xa estamos baixo mínimos, se sumas esta circunstancia pois xa é catastrófico".

Á falta de capital humano súmase o envellecemento dos funcionarios, que de media non baixa en ningún caso de 50 anos, e a Cristina (de Pereiro de Aguiar) parécelle unha cifra optimista: "hai poucos que baixen de 55 anos e mesmo hai algún de 60". Iso, tal e como explica Jose Luis, fronte a internos "dun perfil de 25 a 35 anos que van ao ximnasio todos os días ou a cursos de artes marciais... somos unha plantilla pouco preparada para facer fronte a situacións de agresividade bastante graves". E á falta de capital humano e envellecemento súmanse outras cousas. Unha delas é a falta de formación en actuacións ás que se enfrontan, como por exemplo en defensa persoal ou extinción de incendios. Segundo explican dende Bonxe e Pereiro de Aguiar, algúns recibiron un curso dunhas horas pero a maioría non se acorda de nada dun curso recibido hai unha década ou máis.

Os funcionarios de prisións reclaman ademais ser recoñecidos como Axentes da Autoridade. Porque cando agredes a un Axente da autoridade a consecuencia penal é maior "e iso os internos sábeno", explica Marcial G.. A pena de agresión a un axente á autoridade pode ir de un a tres anos e ao funcionario pode ser un delito leve de lesións que se pena con entre seis meses e un ano.

Jose Manuel, do cárcere de Monterroso, fai un simil. Conta que como Institucións Penitenciarias en materia educativa está transferido á Xunta, dase unha situación "peculiar": "quen ten que garantir o bo funcionamento dese módulo é un funcionario de Interior que o único que ten é un walkie e un bolígrafo e aínda por riba non é Axente da Autoridade. Sen embargo un profesor que non pertence á Institución senón á Consellería de Educación si ten esa consideración".

Sobre competencias, parece, vai o tema. En Cataluña e País Vasco as competencias totais están transferidas ás comunidades e os seus funcionarios de prisións cobran uns 500 euros máis. Jose Manuel móstrase partidario de que aconteza o mesmo en Galicia porque: "estaríamos mellor considerados, teríamos un aumento de salario e teríamos categorías profesionais máis acordes coa sociedade na que vivimos. Somos o cuarto oscuro do Ministerio de Interior. Nunca debimos pertencer a Interior porque realmente a Lei Orgánica Xeral Penitenciaria fala de Institucións Penitenciarias como un organismo dentro de Xustiza, pero transferírinnos a Interior. E dentro de Interior somos o patiño feo".

MOITA BUROCRACIA E UNHA UTOPÍA

No módulo cinco da prisión da Lama está o Programa Paiem. É un programa dado por unha psicóloga, un funcionario que ten a categoría de educador e unha traballadora social. O paso do psiquiatra, como por todas as prisións, acontece unha vez ao mes. É só un exemplo do que acontece en todos os cárceres galegos segundo as fontes consultadas. 

"Se en vez de ter sete funcionarios como mínimo, tes tres ou catro e a iso engades unha sobrecarga burocrática de xestión de papeis, todo ese tempo hai un menoscabo á seguridade. Avanzamos en tecnoloxía, en tratamento, pero sen medios humanos. Se non hai psicólogos suficientes de que vale unha valoración psicolóxica de meses ou máis tempo. O único que está a xerar a Administración e máis instrucións, máis carga de traballo, sen medios humanos."

Son palabras de Marcial G., de Teixeiro, que conta que se estás recheando datos na pantalla dun ordenador non estás a mirar para o patio ou á sala de comedor. "Non estás a ver que Pepe que camiña con Juan e que te extrañe, porque coñeces a Pepe e a Juan e esa unión temporal non a entendes". A reinserción, di a funcionaria de prisións de Pereiro de Aguiar, é prácticamente "imposible" por falta de bens materiais e humanos. No caso da prisión ourensá "hay dúas traballadoras sociais que se desviven por levar o traballo día a día e mesmo afecta á súa vida persoal".

Dende A Lama refírense á reinserción como "palabras que se teñen escrito na Constitución, pero a realidade é que a reeducación e a reinserción sería un milagre que sucedese". Dende a prisión de Monterroso inciden: "non temos medios para realizar esa posible reinserción, estamos fallando á sociedade como profesionais. Pero non fallan os profesionais, falla a administración, que non nos dá os recursos que outros corpos teñen para poder exercer a súa función dentro da Institución".

E engade: "A sociedade ten un problema e o problema é que a xente que é asocial ou fixo dano á sociedade non se perde nin desaparece por metelos nun centro penitenciario. Isto hai que facelo visible".

Concentración no cárcere de Teixeiro en repulsa a unha grave agresión.
Concentración no cárcere de Teixeiro en repulsa a unha grave agresión. | Fonte: Fonte: TAMPM
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta