Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 18:28
A Xunta asegurou que as persoas con fillos ao seu cargo receptoras de rendas de inclusión ás que se lles reclamaron importes de ata 5.000 euros pola incompatibilidade de recibir a Risga e o Ingreso Mínimo Vital (IMV) terán condonada a débeda, o que representa "o 80%" dos afectados.
Así o indicou a conselleira de Política Social, Fabiola García, en resposta a unha interpelación parlamentaria formulada pola deputada do BNG Olalla Rodil na sesión plenaria que este martes arrincou na Cámara galega.
A parlamentaria nacionalista censurou a actitude de Goberno central e autonómico, aos que culpou de non achegar solucións para unha problemática "que non ten nome e está a xerar unha frustración enorme" entre os afectados.
"Hai que buscar unha solución. Non aceptamos que por que haxa responsabilidades no goberno de España, a posición da Xunta sexa escurrir o vulto ou pór parches", exclamou Rodil, que urxiu á Administración autonómica a cambiar a Lei de inclusión que fai incompatible que un perceptor da Risga reciba tamén o IMV.
Na súa quenda, a conselleira acusou ao Bloque de buscar "réditos políticos" coa presentación desta interpelación despois de preguntar sobre este asunto noutra sesión plenaria celebrada hai unhas semanas.
A continuación, García responsabilizou ao Goberno central e as súas "présas" por sacar adiante o IMV da situación, á vez que asegurou que as persoas con fillos ao seu cargo que cobrasen ambas as prestacións non terán que devolvelas.
En canto á reformulación da Lei galega de inclusión para remediar a incompatibilidade que derivou no problema para receptores de ambas as rendas, a conselleira avanzou que o Executivo autonómico iniciará "no próximo trimestre" o proceso para cambiar este apartado.
TRAMITACIÓN DA DEPENDENCIA
Tras contestar a esta cuestión, a titular de Política Social tamén subiu ao estrado do hemicilo para responder a outra interpelación, neste caso presentada polo Grupo Socialista e defendida pola deputada Marina Ortega sobre as "carencias" do sistema galega de dependencia á hora das valoracións de usuarios.
Neste sentido, a parlamentaria socialista demandou un maior compromiso prespuestario para dotar de máis efectivos ao persoal dos servizos encargados das valoracións como vía para mellorar os tempos, que fan que Galicia "ocupe o 13 posto no ranking" das comunidades autónomas.
Na súa resposta, a conselleira resaltou o plan aprobado polo Executivo autonómico hai unhas semanas para axilizar a tramitación dos servizos de dependencia. En todo caso, García apuntou que "o 94%" das persoas con dependencia "xa perciben" algunha prestación ou servizo, o que sitúa a Galicia "once puntos por encima" da media do Estado.
Así mesmo, tamén puxo o acento nos resultados do estudo piloto desarollado na provincia de Ourense para o "reforzo" dos equipos de dependencia e que permitiu "aumentar un 70%" o número de expedientes tramitados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.