Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 20:00
Os numerosos problemas da Atención Primaria en Galicia son tamén un problema do Goberno de Pedro Sánchez. Iso foi o que veu dicir este xoves o presidente da Xunta ante a situación de colapso que viven numerosos centros de saúde, entre eles, os da Guarda, Cangas ou Burela. "Iso é un problema de falta de medios de España", destacou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Así, defendeu que o Goberno galego xa fixo todo o que está na súa man para evitar o colapso, "contratando a todo o persoal que está na nosa man" pero dixo que Madrid "denega novas ofertas públicas de emprego" e tamén non quere que se abran novas oportunidades para aqueles que suspenderon o examen MIR. "Polo tanto non se pode dicir que sexa responsabilidade da Xunta", destacou, "xa que nos están negando todas as ferramentas para evitalo".
En todo caso, recoñeceu "problemas" nos centros de saúde das vilas máis turísticas de Galicia pola afluencia de xente no verán. "Non hai médicos para substituír aos que collen vacacións e é un déficit estrutural que temos de médicos de familia", engadiu. Por iso, responsabilizou desta situación ao Goberno español como tamén o é, dixo, "a suba da luz". "Con todo, nós seguimos traballando desde as nosas competencias para mellorar a situación", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.