Funciona o modelo Sogama?... A empresa admite que en reciclaxe vai "regular"

Reivindica o avance respecto de 2008 e di ir "polo bo camiño". O seu presidente leva ao Parlamento unha bolsa co primeiro compost feito pola sociedade para un deputado do BNG moi crítico co seu modelo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, admite que o complexo vai "regular" no relativo a reciclaxe, pero reivindica o avance respecto dos resultados de 2008 e afirma ir "polo bo camiño".

Nunha comparecencia en comisión parlamentaria, o responsable de Sogama sinalou así aos datos que situaban a reciclaxe en 11.000 toneladas en 2008 e ao incremento do 1.145%, ata 137.000, en 2019.

Deste xeito, valorou o salto cuantitativo "incuestionable", tras as críticas dos grupos da oposición. Por parte do PSOE, a deputada Paloma Castro advertiu de que Galicia está "entre as comunidades autónomas cos peores resultados" neste ámbito.

Pola súa banda, o parlamentario do BNG Luís Bará criticou que a Xunta defenda "o modelo Sogama" cando, dixo, "o seu non é ningún modelo, é un auténtico aparello de propaganda". En calquera caso, lamentou que "conseguen vender a moto".

"TENO AÍ PARA QUE LLO LEVE"

Neste debate sobre o sistema de xestión de residuos, Domínguez aproveitou a quenda de réplica para ensinar unha bolsa de compost con certificado elaborado o pasado mes de maio e díxolle ao nacionalista que "o ten aí para que o leve". Xa no peche, espetoulle que os nacionalistas "tiveron 20 anos en Pontevedra para facer sistemas alternativos", polo seu papel á fronte da Alcaldía da cidade.

Tamén cruzaron críticas Bará e o presidente de Sogama por unha avaría que rexistrou Sogama en pasadas datas e que o nacionalista criticou que "se silenciase". "As avarías non se fan públicas, as avarías téntanse solucionar no mínimo tempo", respondeu Javier Domínguez, antes de apuntar que, "grazas a Navantia", dito problema, nunha válvula, solucionouse "en 10 días".

Lixo para incinerar na planta de Sogama
Lixo para incinerar na planta de Sogama

NOVAS PLANTAS

Tras lembrar a previsión de crear tres plantas máis de reciclaxe, Javier Domínguez resaltou tamén que este ano "por terceira vez" Sogama mantén a bonificación do canon, cun 10% de rebaixa, para concellos que promovan unha redución da xeración de residuos e fomenten a reciclaxe, ademais de trasladar esa diminución aos veciños --son case 7 euros menos por tonelada--.

Domínguez convidou aos grupos a facer unha visita ao complexo de Cerceda e no caso concreto do Bloque, Bará dixo que acepta "cunha condición": poder falar con todos os comités de empresa 'in situ'.

Por parte dos socialistas, Castro recoñeceu que o dato de valorización de Sogama é "moi bo", ao atoparse entre as comunidades "que máis xeran combustible", pero mostrouse preocupada polas cinzas, "que se están almacenando".

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, en comisión parlamentaria. CAPTURA
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, en comisión parlamentaria. CAPTURA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta