"En Galicia a taxa de paro é máis baixa porque hai xente sen expectativa de traballar"

Un estudo de Afundación cifra no 33% os galegos sen traballo, moi por riba do 12'4% do paro porque ten en conta ERTES e aquelas persoas que xa nin sequera procuran un posto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2021 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

O mercado laboral galego recuperou ao termo do segundo trimestre os datos previos á pandemia de coronavirus no relativo a algúns dos principais indicadores, como o da taxa de paro, que se sitúa no 12,4% con 152.400 desempregados, cando estaba no 12,65% ás portas do estalido da covid.

Con todo, esta crise sanitaria configurou unha nova realidade na que cobra especial relevancia o colectivo dos 'sen traballo', o conformado, ademais de por os desempregados, polos traballadores que na actualidade se acollen a expedientes de regulación de emprego temporal (ERTE) e tamén polos denominados traballadores 'desanimados': aqueles que están dispostos a traballar, pero non buscan activamente emprego.

Así o define o informe sobre a economía galega de Afundación, un documento que elaboran economistas e profesores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Abanca de Ieside.

En sintonía con multitude de axentes sociais e económicos, o estudo, presentado recentemente en Santiago de Compostela, valora o éxito dos ERTE "como ferramenta para evitar os despedimentos e o desemprego". Con todo, pon o contrapunto ao advertir que "xerou unha nova categoría de situación laboral".

"SITUACIÓN TRANSITORIA"

"Por suposto que un traballador en ERTE seguindo as definicións internacionais non é un parado, pero tampouco está a traballar. Son traballadores que están nunha situación transitoria, que tanto puedenvolver á ocupación como finalizar a súa relación laboral e incorporase á lista de parados", constata.

Sobre este extremo centran as súas preocupacións tamén os sindicatos e a patronal, que, baixo o paraugas do Ministerio de Traballo, vén prorrogando a duración dos ERTE, o último acordo ata setembro deste ano.  Nestes momentos, por tanto, as 18.779 persoas en ERTE que había en Galicia a 30 de xuño forman parte dun dos principais grupos incluídos no colectivo dos 'sen traballo', do que tamén forman parte os desempregados e os denominados 'traballadores desanimados'.

"IMPACTO REAL"

Ter en conta a estes colectivos, advirten os autores do informe de Afundación, "permite realizar unha análise diferente da evolución do mercado laboral que facilite unha comparación homoxénea do impacto 'real' das situacións de crise económica e social vividas nos últimos anos".

A idea, explican, é estimar unha taxa de desemprego "ampliada" que considere a todo o conxunto dos 'sen traballo'. Para iso, ademais de sumar aos parados, os inactivos potenciais ('traballadores desanimados') e os traballadores en ERTE, avogan por engadir ao denominador os "traballadores desanimados que non son considerados poboación activa".

"Este cociente é un indicador máis adecuado que a taxa de paro oficial da situación laboral 'real' en termos da verdadeira incidencia da poboación sen emprego na economía, especialmente en situacións de crises", advirten.

No caso de Galicia, considerar ao colectivo dos "sen traballo" elevaría a taxa de paro do segundo trimestre de 2020 ata o 33,2%, "un máximo histórico e que permite mostrar con claridade o intenso impacto sobre o mercado laboral das restricións impostas polo estado de alarma e que o uso xeneralizado dos ERTE ocultou", destacan.

UN MERCADO "POUCO DINÁMICO"

Precisamente a este respecto, e por mor da enquisa de poboación activa (EPA) publicada esta semana, correspondente ao segundo trimestre de 2021 e que sitúa o paro no 12,4% na comunidade galega (fronte ao 11,95% do mesmo período de 2020), UXT alerta do "pouco dinámico" que se mostra o mercado laboral galego.

Cunha taxa de actividade "de tan só o 52,5%", que contrasta co 58,6% estatal, o sindicato lamenta a "clara tendencia á inactividade, ao desánimo e as poucas oportunidades" do mercado laboral de Galicia. "A menor taxa de paro en Galicia indica menor presión de demanda de emprego, polo desánimo, polas poucas expectativas, polo pouco dinamismo", expón.

Así, a causa de maior taxa de paro no Estado explícaa esta central pola maior tendencia á actividade, e engade que o mercado laboral galego presenta esa "maior tendencia á inactividade". Unha taxa de paro galega que é menor porque "moitos parados considéranse xa inactivos, fóra do mercado laboral", profunda.

No último trimestre do ano contabilizáronse en Galicia case 16.500 traballadores en ERTE e aumentaron no primeiro trimestre de 2021 ata os 19.800. O número situouse a 30 de xuño en 18.779 persoas en Galicia e evoluciona en paralelo á adopción de restricións que afectan a actividades como a hostalaría e o turismo.

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela / Álvaro Ballesteros - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta