Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/08/2021 | Actualizada ás 22:00
O proxecto de Lei de Saúde de Galicia contemplaba o "sometemento a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización, con información, en todo caso, dos posibles riscos relacionados coa adopción ou non adopción destas medidas". O Tribunal Constitucional mantiña en suspenso a lei deseñada pola Xunta e aprobada no Parlamento de Galicia grazas á maioría do PP. O Goberno central actuou acusando de inconstitucional este punto do articulado.
Tempo despois, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, deixaba caer a “necesidade” de impor a vacinación a sanitarios e persoal de residencias para evitar a propagación da COVID. Profesionais sanitarios e de residencias consideraron fóra de lugar as palabras do presidente galego. Ademais, a proposta do titular da Xunta fixo que tanto Goberno central como membroso do PSdeG-PSOE reaccionasen valorando as palabras de Feijóo como unha distracción.
OBRIGAR NON É BO
A Organización Mundial da Saúde considera contraproducente a vacinación obrigatoria dos cidadáns. De ser así, a vacinación converteríase nun trámite que, co tempo, sería impopular e, en moitos casos, sería contrario aos valores constitucionais de moitos estados. O director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias del Ministerio de Sanidad (CCAES), Fernando Simón tampouco aconsellaba tomar medidas lexislativas que impriman na sociedade a inmunización fronte as doenzas contaxiosas.
“Obrigar non serve, non funciona e ademais ese non é agora mesmo o problema na sanidade galega” di María Xosé Abuín de CIG Sanidade. “Isto é un titular de Feijóo para desviar a atención dos verdadeiros problemas da sanidade en Galicia”. Dunha maneira parecida tamén o valoraba o delegado do Goberno, José Miñones, quen cualificaba de “cortina de fume” a idea presentada por Feijóo.
“Decretar a obriga de vacinarse non é competencia autonómica” sinala Javier González, de CCOO Sanidade. Para o representante de Comisións as palabras de Feijóo caen nun momento en que “o número de sanitarios sen as pautas de inmunización é residual”. O mesmo que Abuín e Miñones, González cre que todo deriva da “situación en que está a Atención Primaria”.
CORTINA DE FUME
O día nove de agosto Feijóo acusaba ao Goberno central de “falta de transparencia” na nova repartición de doses. Desde a Delegación do Goberno en referencia ao dito polo presidente da Xunta máis a postura da obriga de inmunizarse para os sanitarios, o delegado José Miñones declarou que Feijóo só está creando unha cortina de fume para desviar a atención doutros problemas máis graves dentro da sanidade galega. Esta tese é refrendada polo PSdeG cando sinalaron a situación “desbordada” en que está a Atención Primaria.
“Nun primeiro momento claro que se recibiu un número importante de vacinas pois Galicia ten unha das poboacións máis avellentadas do Estado” sinala Abuín. No momento en que os grupos de idade baixaban as doses subministradas ían a menos. “Hai algo de preocupante nisto, que hai pouca xente nova”.
“Non poden enganar á poboación, se nun primeiro momento o número de vacinas era elevado en Galicia, coa estratexia de vacinación por idades é lóxico que agora diminúa o número de doses” confirma Javier González. CCOO cre que Feijóo só se contradí para crear un debate que non é real. “Se hai algún sanitario sen vacinar será un número simbólico”.
Así as cousas, os sindicatos reclaman a Feijóo que se existe un problema, algunha incidencia que se deba explicar, “que o expliquen”, pois non ven sentido no discurso actual da Xunta sobre a COVID e as vacinas. Mesmo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixía a Feijóo desculpas pola súa “mentira patética” sobre as vacinas.
Legalmente non é posible obrigar a colocar a vacina nin sequera aos sanitarios. Poderían explorarse vías legais alternativas como se fixo en países da UE, aínda que isto tampouco garante unha cobertura total, pois sempre haberá quen rexeite vacinarse. Todo apunta ao que sinala a OMS, non é bo obrigar a ninguén que se vacine.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.