Agradézolles tal honra, que comparto cos centos de persoas que conforman o colectivo Galeguizar Galicia, porque
eles son os auténticos protagonistas de crearen un novo discurso de galeguidade
transversal, imaxinativo e positivo (www.galeguizargalicia.gal).
Cando tiven que agradecer o premio lembraba a presenza importante que tiveran os
galegos en Catalunya. A mediados dos anos oitenta o censo rexistraba máis de
trescentos mil. Dicíase entón que despois do catalá e o castelán, o galego era a terceira
lingua máis usada naquel país. Hoxe son 70.277, segundo os datos do Instituto Nacional
de Estadística.
Na quenda de intervencións para agradecer o premio louvei o labor desenvolvido polos
emigrantes que mantiveron viva a nosa identidade alén das nosas fronteiras. Faleilles da
transcendencia que tivera a celebración do 1º Congreso da Emigración Galega celebrado
en Buenos Aires en 1956 como o fito máis importante na historia da diáspora. Foi ali,
naquel encontro mundial, onde se abordaron os problemas da emigración e tamén as
propostas para o desenvolvemento social e económico de Galicia.
En Catalunya os galegos, amais de afortalaren os sinais da súa propia identidade
souberon inculturizarse no país que os acolleu. Púxenlles como exemplo o maxistrado
caldelao, Orencio Pérez González, que durante o tempo que foi titular dun xulgado no
concello de Mataró deu mostras sobradas dese proceder. Solicitou da Generalitat unha
bandeira catalá para o seu despacho e auxilio para poder publicar as súas sentenzas en
catalá, ao tempo que aprendía o idioma nos cursos programados pola Generalitat.
No acto de Lalín gustaríame terlles dito que ese galeguismo de exaltación sentimental
que cultiva o tecido asociativo nas actividades culturais debería ter maior alcance,con
obxectivos máis específicos. Estou seguro que os meus argumentos convencerían á
maioría dos galegos radicados en Catalunya que ateigaban o Auditorio de Lalín, se
dispuxese de máis tempo para explicarllelo.
Rematado o acto un grupo de amigos reflexionabamos sobre as actividades
desenvolvidas por estas entidades da diáspora en amigable en demorado parladoiro.
Organízanse actividades como a celebración do Día das Letras Galegas, dicíanme, que
apenas concitan interese nas comunidades da emigración. Pouco teñen contribuido esas
celebracións na recuperación da autoestima dos galegos na diáspora. É unha efeméride
anual que perdeu forza co paso dos anos. Os contertulios botaban en falta directrices
máis atractivas, transversais e innovadoras.
Chegado ese punto do parladoirom aproveitei a oportunidade para propoñerlles algunhas
de carácter económico e antropolóxico, por se tivesen mellor acollemento.
Argumentáballes que os emigrantes, tanto en canto son consumidores, poderían converterse nunha forza decisiva no apoio á comercialización de produtos galegos, e
preferentemente aqueles que están etiquetados en galego. Os beneficiados serían os
familiares, amigos e veciños, que verían como as súas industrias de transformación
agroalimentarias son viables, creando postos de traballo, e,xa que logo, fixando
poboación nun rural hoxe desertizado.
A segunda proposta é a de xeralizar o costume de adiantarse á morte e deixar escritas as
mandas testamentarias que obriguen aos herdeiros a cumpriren os desexos para que os
que as asinen sexan soterrados en lingua galega, seguindo os exemplos recollidos no
libro “En galego,agora e sempre” editado pola Asociación de Funcionarios para a
Normalización Lingüística. Os cemiterios, que son lugares onde está depositada a
memoria colectiva dun pobo, estarían en consonancia coa lingua galega, maioritariamente
falada polos habitantes da parroquia, circunstancia que agora non se dá.
Os nosos emigrantes, que viven intensamente as atmósferas creadas nas relacións
familiares nas vacacións, alentando estes debates, poderían ser o máis eficaces
transmisores desta maneira de sermos máis galegos.