Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 13:59
Varios centenares de persoas, convocadas polos concellos da Baña, Vimianzo, Zas, Fene e Cerdido, manifestáronse na Coruña, nunha protesta contra o peche das oficinas de Abanca nos devanditos municipios.
A mobilización contou coa presenza dos alcaldes e alcaldesa dos citados concellos e co apoio de formacións sindicais e políticas como o BNG, PSdeG e CIG. A manifestación iniciouse ás portas da fundación de Abanca e terminou na oficina central do devandito banco en San Andrés. Escoitáronse cánticos como "non ós peches" e os asistentes portaban pancartas que pedían que non se pechasen as oficinas e outras que tachaban ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, de "ingrato".
O alcalde de Cerdido, Benino Galego, explicou que no seu concello "só queda un caixeiro obsoleto que sofre bastantes avarías" e subliñou que o municipio ten "unha poboación envellecida", e que, para eles, utilizar a banca electrónica é "complicado". Tamén denunciou as dificultades para desprazarse a concellos limítrofes "por falta de transporte público".
"Queremos expresar a máis rotunda oposición a esta política". "Están a reducir as oficinas e o persoal, no últimos cinco anos máis de 100 oficinas pecharon", expuxo o alcalde de Fene, Juventino Trigo, que instou á Xunta e o Goberno a "tomar medidas". "O que está a facer Abanca está fóra de toda lóxica", dixo.
Pola súa banda, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, manifestou que o peche de oficinas é unha "perda máis" de servizos que levan tempo sufrindo e considerou que esta é "a pinga que colma o vaso", xa que os bancos foron "rescatados con diñeiro público". Tamén sinalou que a xente "está farta" de que os bancos "poidan facer o que queren".
"Estamos ante outro atentado contra o rural, estamos fartos de que se enchan a boca de que queren promocionalo e logo métannos estas puñaladas. Non temos apoio desde as institucións, solicitámoslle á Xunta unha reunión, porque se alguén pode frear esta sangría é o presidente", o rexedor da Baña, José Antonio Pereira.
Á súa vez, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, considerou que a repercusión é "tremenda" para os seus veciños polo peche da oficina de Baíñas, que ademais usan os veciños de Dumbría e Zas. Xunto ao desprazamento ou as dificultades para usar a banca electrónica, tamén sinala que este peche afecta ao pequeno comercio da localidade.
ABANCA
Pola súa banda, Abanca destaca que é entidade financeira con maior rede comercial en Galicia e no rural, cun 33,5% da súa rede de bancos en núcleso de menos de 5.000 habitantes. "Damos servizo ao 98% da poboación e ao 87% dos concellos galegos e estamos representados en 115 concellos o que permite recibir servizos financeiros a 298.000 galegos", apuntan desde a entidade bancaria.
Sobre o peche de oficinas di que ofrecerá os seus servizos financeiros nas localidades nas que se reordenarán as oficinas a través de caixeiros, da oficina móbil e das oficinas que ten nas localidades próximas."Con este modelo darase solución á case totalidade de necesidades financeiras que se realizaban nelas xa que todas as oficinas situadas nestas localidades teñen unha operativa moi reducida, algunhas presentan unha media inferior a 6 operacións ao día", destaca.
Ademais, destaca que manterá activo o plan de axuda para o uso de caixeiros para todas as persoas que a necesiten. "Os caixeiros foron adaptados para facilitar o seu uso por parte das persoas maiores", engade.
GOBERNO CENTRAL
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou este xoves a dotación de caixeiros automáticos en 80 entidades de poboación galegas "ao longo deste ano". "É un proxecto pioneiro que vai da man doutros servizos que prestará Correos no rural", destacou.
José Miñones realizou estas declaracións na súa visita a Samos, concello que será dos primeiros beneficiarios deste servizo; xunto cos caixeiros instalados en Barbantes (Cenlle) e en Cortegada, empezarán a funcionar en breve.
O delegado do Goberno informou que no caso de Samos "trátase tamén dun servizo para peregrinos". Ademais, anunciou que "a partir de outubro estará en funcionamento o servizo de carteiros no rural. Un servizo piloto que se está probando na provincia de Lugo e que se estenderá a toda España", puntualizou.
"Os carteiros trasladaranse ás vivendas para que os cidadáns poidan realizar trámites desde casa como o pago de tributos ou recibos ou a retirada de diñeiro en efectivo a través do cartón bancario", explicou Miñones. Polo momento, non todas as entidades bancarias permiten realizar as xestións, pero esperan que "a partir de xaneiro" moitas máis estean dispoñibles.
Enmarcou esta colaboración na "liña do reto demográfico marcada polo Goberno" coa que tentan "pór a disposición das persoas diversos servizos". Polo momento, José Miñones non falou do investimento económico que realiza o Goberno. Afirmou que se dará a cifra cando estean instalados todos os caixeiros.
No entanto, o delegado do Goberno ratificou as palabras pronunciadas polo alcalde de Samos, Julio Gallego. "Samos é un municipio con moita xente maior e quedamos sen servizos por parte do banco. Estamos contentos con este proxecto, pero prefeririamos ter unha entidade bancaria", reivindicou o alcalde. O responsable da corporación de Samos incidiu en que a entidade bancaria máis próxima queda a "un 12 km", en Sarria. "É un desmantelamento do rural", comentou.
BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno do Estado unha regulación que impida as "graves consecuencias" da reestruturación e "concentración bancaria". O parlamentario do Bloque pide que se esixa ás entidades que manteñan os servizos de forma presencial, que se evite o peche de sucursais bancarias en Galicia e se que regule o sector para pór fin á escalda de abusos bancarios. Tamén urxe derrogar a reforma laboral que, segundo denuncia, "facilita os despedimentos e Elos no sector bancario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.