A lembranza cubana do emigrante galego que regalaba verbas e flores e non aceptaba esmolas

Traendo á memoria ao ilustre lugués 'Caballero de París' a través dos recordos das xentes da Habana, agasalladas durante décadas coa artesanía dun mendigo educado, elegante e tranquilo, que falaba en voz baixa.

Por Alicia Casas | Lugo | 25/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

- Eu son o 'Caballero de París', nacín nunha cidade antiga que vostedes non coñecen, pero invítovos a imaxinar que tivo murallas, pazos e castelos, chámase Lugo e está en Galicia, terra fermosísima, onde chove a cántaros, que ten un mar azul dende o que volven cargados de marabillas os pescadores"- dixo para presentarse José María López Lledín a un grupo de nenos cubanos.

O 'Caballero de París' na Habana.
O 'Caballero de París' na Habana. | Fonte: remitida

Entre eles estaba o historiador habanero Eusebio Leal, que conta como, mentres falaba o 'Caballero' que era un mendigo, entregaba ao tempo as espigas dun fento e pequenas estampas que el mesmo escribira coas palabras no reverso "Sólo Martí".

Un recordo entre tantos, porque o 'Caballero de París' non foi desas personaxes que esmorecen no esquecemento. Foi persoa benquerida na Habana, inspiradora de literatura ('Yo soy el Caballero de París', de Dr. Luis Calzadilla Fierro), ilustrísimo das rúas ('Avenida Caballero de París', en Miami), fío condutor no teatro (monólogo de José Antonio Alonso), danzón de Antonio María Romeu e interpretado por Barbarito Díez,

José María López Lledín conta mesmo cunha escultura metálica na Plaza de la Lonja del Comercio na Habana Vieja, fronte ao Convento de San Francisco de Asís. Os guías turísticos explican que tocala dá sorte, e a crenza se cadra é máis popular que o acontecido no programa "Escuela de Televisión" no 1953. Gaspar Pumarejo invitou ao 'Caballero de París' e  a outros personaxes da rúa a exercer de xuíces no concurso. Cando acabou a emisión, Pumarejo ofreceu vinte dólares a cada un dos xuíces. Cando lle intentou dar os cartos ao Caballero, el contestou:

Estatua do 'Caballero' na pizzería de 23 e 12, onde el estivo motivos anos.
Estatua do 'Caballero' na pizzería de 23 e 12, onde el estivo motivos anos. | Fonte: remitida

- Nin os meus sentimentos nin o meu alto rango permítenme aceptar este diñeiro. Doullo a Bigote de Gato para unha festa no seu establecemento.

e din que o presentador, intentando levar o directo, suxeriulle doar os cartos ao Orfanato Nacional. O Caballero respondeu:

-Bueno...doémolo, pero entón que están facendo os ricos e o Goberno que se supón que debe coidar do Orfanato?

Engadiu:

- Este é un acto de caridade e non está ben que os nenos do Orfanato reciban esmolas.

O 'Caballero de París' tampouco aceptaba caridade malia que vivía en cartóns e envolto en xornais. Si aceptaba comida, pero non a pedía. Kenia Moreira recorda como o coñeceu cando el aínda non era vello. Lembra como sentaba na Infanta, preto da revista 'Vanidades', e como o seu pai lle ensinou a non terlle medo e menos a burlarse del: "dicíame que cando pasara preto, se tivera un caramelo ou algo de comer, que llo regalara. Sempre tan amable, lémbroo con tanto cariño... recordo que cando era unha nena dicíame 'gracias, gentil dama'".

Jacqueline Padrón coñeceuno tamén de nena como un home "pacífico, educado, que falaba en voz baixa" e sinala que "incoherencias ás veces, dicía". Pero a historia real de José María López Lledín, o motivo da súa loucura, fica máis no terreo da lenda que no do coñecemento verdadeiro. Sábese, iso si, que chegou á Habana con 12 anos e cos seus tres irmáns como calquera outro emigrante. Na procura de fortuna ou de mellora da súa situación económica, ocupou distintos traballos: nunha tenda de flores, nunha tenda de libros, en restaurantes de diferentes hoteis en Cubo.

Todas as versións apuntan a que o punto de inflexión foi unha estancia de seis anos no cárcere, acusado dun delito que non cometera. No delito é no que difiren as versións, aínda que a máis aceptada é a seguinte: unha dama de alto rango acusárao de roubarlle as xoias e foi ao morrer a dama cando confesou que ela mesma vendera as xoias a un chantaxista, polo que o 'Caballero' sairía de prisión pero moi deteriorado.

Hai outras. Unha de celos, outra de liorta na que matou accidentalmente ao seu opoñente e recibiu un golpe na cabeza, e mesmo un suposto naufraxio no que perdeu á súa muller e aos seus fillos ou unha namorada que tería que chegar a París e nunca chegou.

Do que si hai certeza é de súa longa barba,a capa negra, o perfil afiado, a súa baixa estatura e o seu corpo delgado. Da súa amabilidade e galantería, a vasta cultura e a fluída conversa Tamén de que malia a escultura na Habana vieja, e a súa sepultura no convento de San Francisco de Asís, non foi esta a zona que máis transitou. Moitos recordan o seu campamento no edificio Sarrá, fronte a pizzería de 23 e 12, onde pasou moitos anos. Aí hai tamén unha estatua, desta volta colorida, como coloridas son as lembranzas. 

Nesa pizzería el entraba entre as mesas, na terraza de fóra, e di Jacqueline Padrón que o 'Caballero' daba voltas e voltas: "se vía que se levantaba unha mesa e deixaban algo, un pedazo de pizza, el collíao e metíao entre os xornais e marchaba, comíao fóra porque era un home moi educado". María del Carmen Lozano recorda que a primeira vez que o viu foi en Miramar, na cafetería 'El Pingüino'. Ela conta que o seu avó, que tamén era galego, era amigo seu. E lamenta ter perdido unha pluma que o 'Caballero de París' fixo para ela forrándoa con fíos, unha artesanía que aprendera cando estivera preso: "segundo contaba o meu avó, era un home bo que non tivera sorte na vida, pero era moi sociable e gustáballe conversar de moitos temas". 

Pero non todos os recordos son alegres. Jose Manuel Montero relata como unha das noites de inverno que andaba o 'caballero' na porta da barbaría envolto e tapado con xornais, viñeron uns prenderlle lume ós papeis. El, xunto con outra persoa, trataron de impedilo. Pero non o conseguiron e acabou en "trompada limpia". Logo, axudaráronlle a arranxar o campamento e que durmira tranquilo. "Que persoa tan decente era!", di.

Tampouco foi alegre o fin do 'Caballero de París" no devagar as rúas. Estaba deteriorado de saúde e ingresárono no Hospital Psiquiátrico de Cuba, en Mazorra. Para complacelo arranxáronlle o pelo e a barba e déronlle un traxe negro "acorde ao seu rango", escriben. Cando morreu, disque o musicólogo cubano Helio Orovio fíxose cargo de sepultalo nun primeiro momento no panteón familiar de Santiago de las Vegas para que non desaparecera nunha fosa común. Jose Manuel Montero propón, que do mesmo xeito que o Quixote ten un monumento no 23 e John Lennon outro no parque 17 e 6, "o ilustre 'Caballero de París' tamén merece un e penso que debe ser no 12 e 23 ou en Infanta en San Lázaro, que é onde máis tempo estivo".

Jacqueline Padrón recorda estar na casa da súa avoa, no mesmo edificio que a casa dos seus pais, cando lle abriu a porta ao 'Caballero de París'. Aconteceulle dúas veces, e conta que a súa presenza impresionaba, pero el non quería entrar. Do lado da casa está o edificio do ICAI, o Instituto Cubano de Artes e Industrias cinematográficas, e el collía os pedazos de rollos de películas que tiraba a cinemateca. Recortaba os pedazos por escena. E aí subía e chamaba á porta, cun anaco de película e unha flor e un papel.  No papel escribía (cunha "letra moi fermosa"): "Dios, paz y Fidel".

O 'Caballero de París'.
O 'Caballero de París'. | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta