Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/09/2021 | Actualizada ás 22:00
Había unha vez un partido que gobernou a Xunta, que era a segunda forza do país nas eleccións galegas e que chegou a ser o máis votado nunhas eleccións ao Congreso. Un partido no que, a pesar das diferencias, que as había e eran moitas, tentaba solucionar os problemas con chamadas, en cafeterías ou en xantares amañados para a ocasión. O modelo xacobino deste partido sempre funcionaba, e é probable que siga funcionando, pero, xustamente agora, atópase nunha pequena crise.
Tampouco é a primeira crise, nin a última que ten este partido, o PSdeG-PSOE, o partido de Pedro Sánchez, de Zapatero, de Felipe González, de Laxe e de Touriño. É un partido que tivo varios presidentes en España e en Galicia, que gobernou autonomías, deputacións e numerosas alcaldías. É un partido cunha maquinaria tan engraxada que é imposible que colapse. Non colapsou nin na peor crise industrial que vivíu o estado, nin coa irrupción de Podemos, e non vai colapsar agora.
Pero, de cando en vez, danse batallas épicas e descarnadas que aguilloan as estruturas mesmas deste partido. E a batalla que está a punto de comezar deixará feridas abertas, como deixaron as outras, que tardarán en cicatrizar, pero que quedarán esquencidas en pouco tempo, como pasou sempre neste partido de corte clásico e no que, finalmente, acaba primando o sentido común.
ENFRONTAMENTO ANUNCIADO
O enfrontamento entre Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso xa hai temo que se vía vir. Non é algo novidoso entre a militancia do PSdeG, acostumada aos vaivéns das súas direccións. O que non se sabía era o como. O presidente da Deputación da Coruña chega a esta contenda por descarte. Polo descarte dos outros candidatos, José Miñones, delegado do Goberno en Galicia e, especialmente, José Ramón Besteiro. O ex secretario xeral do PSdeG tén aínda aberto un proceso iniciado pola xuíza Pilar de Lara aberta --todo o resto foron arquivados-- e non chegou a tempo á contenda. Así, que por descarte, e aínda que sen ter moitas ganas de facelo, González Formoso viuse na necesidade de presentarse directamente contra Gonzalo Caballero.
E esta nova batalla xa non é entre xuvenís. Os dous contrincantes teñen peso específico e recoñecemento na organización. Teñen estruturas de poder e xeitos de mobilizar aos seus e saben que, a priori, as forzas están igualadas e que, en todo caso, penden dun fío que, novamente, podería estar en Vigo.
A provincia da Coruña, parece estar moi decantada do lado de Valentín González, que é, ademais, secretario provincial, e ten ben controladas as engranaxes da súa provincia. Conta, ademais co apoio dos tres alcaldes das tres grandes cidades: Santiago, A Coruña e Ferrol. Tamén ten máis apoios que Gonzalo Caballero en Lugo, onde o besteirismo segue moi presente e onde ten importantes apoios na cidade de Lugo e da Mariña -- as máis númerosas en canto a militancia--.
Ourense é a única provincia onde Gonzalo Caballero podería lograr unha victoria, aínda que, sería por unha marxe moi axustada. De feito, a recente contenda para o Congreso Federal do PSdeG entre o alcalde do Carballiño, Franciso Fumega --apoiado por Caballero-- e a ex deputada Noela Blanco, é unha boa mostra. O primeiro acadou pouco máis do 60% dos votos, fronte ao case 40% da segunda. "E iso non quere dicir que para as primarias galegas se repitan os resultados porque hai xente que está agardando movementos para decidirse ou, directamente, que van apoiar a Valentín e non a Gonzalo", apuntan fontes socialistas consultadas. Con todo, o que non cambia é o apoio da cidade de Ourense a Caballero.
O PAPEL DE VIGO
Entón por que Vigo é tan decisivo neste proceso?. Porque a agrupación de dirixe Abel Caballero, tío de Gonzalo, é a que domina toda a provincia. Unha provincia que está en mans de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e de David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. "Depende do que diga Abel", apunta un cargo político socialista consultado por GC. Unha opinión coa que coinciden outras dúas fontes --un ex alcalde e un secretario local socialista-- que vinculan o futuro de Gonzalo Caballero co que decida o seu tío. "Haberá que ver se Abel tira máis polo lado sentimental --os vínculos familiares-- ou polo lado práctico", engaden, "xa que nin Carmela, nin Regades teñen boa sintonía con Gonzalo".
Se Vigo cae do lado de Gonzalo Caballero, caerá case toda a provincia. E iso é un aval moi importante co que podería contar o actual líder socialista porque Pontevedra é a segunda en número de militantes de toda Galicia. Quedan comarcas concretas; o norte da provincia ou a zona de Condado-Paradanta, Arousa e Pontevedra cidade que teñen dinámicas propias, pero a gran maioría está controlada por Regades e Carmela Silva.
Polo tanto, a batalla, de feito, vaise decidir entre A Coruña e Pontevedra, máis concretamente, entre A Coruña e Vigo, dúas cidades históricamente enfrontadas, xa que o papel de Lugo e Ourense, aínda que importante, é moito menor en número de militantes que o das dúas provincias atlánticas.
POSIBILIDADES ABERTAS
Con todo, e como ten pasado xa outras veces no PSdeG, non se descartan pactos de última hora. De feito, xa houbo acordos entre estes dous sectores enfrontados en todas as provincias, agás a de Ourense, para o Congreso Federal. É dicir, que Caballero e Valentín Gonzaĺez acorden repartirse cargos orgánicos e roles no partido nun acordo no que, obviamente, tería moito que dicir a agrupación provincial de Pontevedra e, especialmente, a local de Vigo.
"Podería darse o caso de que Gonzalo Caballero siga de secretario xeral pero co acordo de que non sexa el o candidato ás vindeiras autonómicas", apuntan as fontes consultadas. E quen sería ese candidato?. E un modelo de bicefalia que non é moi común no PSdeG, pero que podería ser unha solución para esta tensa situación. As opcións entón serían varias: ou ben o propio Valentín --aínda que sería a última solución--, ou ben Miñones ou Besteiro, se para entón ten pechadas xa todas as causas pendentes.
Tamén podería darse o caso de que pacten o sector de Caballero co de Valentín González Formoso. Un pacto que incluiría importantes concesión ao sector vigués e que, implicaría, obviamente, consensuar o nome do futuro candidato á Xunta. É unha opción que está enriba da mesa, pero non é, de momento, a prioritaria. Pero, de darse este pacto, o futuro político de Gonzalo Caballero estaría xa máis que finiquitado. Pero, como neste partido de idas e de voltas, nunca se sabe cando un vai ou cando un ven. Haberá que agardar a que se produzan chamadas, xuntanzas en cafeterías e xantares pactados en restaurantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.