Remata a construción da Cidade da Cultura tras máis de 20 anos en obras

Feijóo amosouse "doído" polas críticas dirixidas ao complexo proxectado por Manuel Fraga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura acolleu este mércores o acto de inauguración do Edificio Fontán, co que se pon o broche ao complexo cultural proxectado no monte Gaiás polo xa falecido presidente Manuel Fraga e cuxa primeira pedra se puxo en febreiro de 2001, hai máis de 20 anos.

O sucesor de Fraga á fronte do PP e presidente da Xunta desde 2009, Alberto Núñez Feijóo, pechou un acto no que participaron numerosas autoridades, entre elas, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e cargos universitarios e de CSIC. No evento, Feijóo proclamou que o día de hoxe supón "a culminación dun soño".

"Hoxe é un gran día para Galicia", sentenciou, pola súa banda, Xosé Sánchez Bugallo, quen lembrou como se xestou o proxecto e como a aposta de Fraga foi determinante para fixar a localización da Cidade da Cultura, un complexo cuxa construción, lamentou, estivo acompañada "de críticas e incomprensións, algunhas demoledoras", polas que confesou sentirse "doído".

E é que o alcalde compostelán asegurou que hai proxectos "cun custo moito maior" que "desde Santiago sempre se apoiaron", á vez que chamou a sentirse "orgullosos porque un proxecto tan complicado e custoso chegue a bo porto". Felicitou a "todos" os que o fixeron posible e pediu remar agora para que este "gran investimento" sexa "rendibilizada" por "toda Galicia".

Tras reivindicar a lema de "facer máis con menos" e lembrar que se paralizaron os edificios pendentes planificados inicialmente, Feijóo incidiu no papel que xogará o novo edificio --tras 20 anos co foco nos proxectos construtivos-- e a súa relevancia en investigación e para profundar no coñecemento sobre o patrimonio cultural.

O Fontán acolle o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), e será a sede de servizos transversais do tres universidades galegas --a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia e o Centro de Investigación sobre Patrimonio Cultural--.

A Cidade da Cultura en 2017 - arquivo
A Cidade da Cultura en 2017 - arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta