O BNG critica as grandes listas de paro xuvenil "máis longas que as do Ruta ou Maycar en hora punta"

O PSdeG afea ao PP que "bote as culpas" ao Goberno polas "carencias" da era Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2021 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

A viceportavoz do Grupo do BNG, Olalla Rodil, defendeu na tribuna parlamentaria as 40 propostas de resolución presentadas pola súa formación que, salvo sorpresa última, quedarán todas elas no caixón sen aprobar. Iniciativas, dixo, para "deixar atrás a resignación" nunha Galicia na que, advertiu "non falla o país; falla o traxe, o goberno".

No seu discurso na última sesión do Debate sobre o estado da autonomía, Rodil fixo unha alegación a favor da mocidade, que "é futuro" pero que "sobre todo, é presente". Para iso, dixo, é preciso facer políticas que dean "oportunidades" á primeira xeración que ten "peores" perspectivas que os seus pais e nais e que teñen "que esconder" os títulos obtidos para lograr un traballo sen que pareza que teñen altas "expectativas" salariais.

Rodil, que lembrou que ela mesma naceu en 1989 --despois do primeiro debate do estado da autonomía-- e aproveitou para lamentar que en ningún dos actos que conmemoran 40 anos da autonomía no Parlamento participou ningún menor de 40 anos--, proclamou que a covid abriu "unha nova era" e preguntouse se, nela, "van sacar tallada o mesmo puñado de empresas" ou as maiorías sociais.

Tras ironizar que "só faltaba" que 40 anos despois do inicio da autonomía non houbese en Galicia máis centros de saúde ou quilómetros de estrada que cando comezou a autonomía, insistiu en se realmente estase " construíndo un país que ofreza máis oportunidades que hai unha década".

Os mozos de entre 20 e 35 anos son "a xeración estafada" e, en lugar dun mundo que se "rende aos seus pés", como se lles prometeu, o que atopan é "unha fila do paro máis longa que a cola do 'Ruta' ou do Maycar en hora punta", proclamou aludindo a dúas dos locais de lecer nocturno máis concorridos da noite estudantil compostelá.

MÁIS PEQUENA

Así, e seguindo a liña do discurso do seu portavoz nacional, Ana Pontón; Rodil insistiu en que os últimos 12 anos levaron a "un país que se fai máis pequeno: en poboación, en emprego, en industria, en innovación". Pero fronte a que se "faga crer que o país non dá máis de si", sinalou, o BNG afirma que hai que "romper co 'bussiness as usual', con novas ideas e ferramentas, e levantar o freo" ás políticas populares. "O que falla non é o país, senón vostedes", aseverou.

Con mención especial e mostra de "agarimo" ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, empregou a súa "retranca" para comparar a situación de Galicia co que ocorre cando chove, momento en que aparecen os comentarios de "hai mal tempo".

Así, e apelando a unha expresión popular en Alemaña, Olalla Rodil subliñou que "non hai mal tempo, o que hai é roupa inadecuada". "Non falla o país, o que falla é o traxe, o goberno, vostedes que, sendo rigorosos, gobernaron 34 dos 40 anos", aseverou a deputada nacionalista, quen fiou con que o actual marco político estatutario é "dous ou tres tallas máis pequenas do que necesita este país".

Olallal Rodil, viceportavoz do BNG
Olallal Rodil, viceportavoz do BNG

PSdeG

Pola súa banda, o viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, afeou este venres ao Partido Popular que a metade das súas 40 propostas de resolución no Debate sobre o Estado da autonomía sexan peticións ao Goberno, un "400%" máis do que reclamaban ao Executivo estatal cando gobernaba Mariano Rajoy.

Na súa comparecencia no pleno do debate de política xeral para defender as propostas do PSdeG, o dirixente socialista sostivo que en debate de 2017, o "último" realizado durante o goberno de Rajoy, o PP só presentou "cinco" propostas "reclamando cousas" ao Executivo estatal, unha cifra que "multiplicaron por catro" coa chegada de Pedro Sánchez á Moncloa.

Fronte a iso, Pablo Arangüena presentou as 40 medidas defendidas polo PSdeG para "corrixir as carencias" dos 12 anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo, cuxo modelo definiu como o da "inercia" nunha Galicia que "se move a unha velocidade moito maior que en calquera outro momento" debido ao impacto da pandemia.

"Hai que ser proactivo nunha época na que todo cambia", considerou o viceportavoz socialista, que describiu a política do Goberno galego como a de "rezar" e "botar culpas". "Rezar de cando en vez e botarlle a culpa sistemática ao Goberno", dixo. "Rezar para que non pechen empresas, rezar para que se instalen novas e botarlle a culpa ao Goberno... En incendios, rezar para que chova e botarlle a culpa ao terrorismo incendiario", sostivo nunha intervención na que tamén se referiu a os datos demográficos de Galicia para asegurar que "non hai un anticonceptivo máis eficaz e potente que o PP de Galicia".

Por último, tras citar as medias en materia de medio ambiente, medio rural e administración pública, reivindicou ao PSdeG como unha formación "federalista e galeguista" e propuxo avanzar en "autogobeirno". "Quero recalcar que somos respectuosos co nacionalismo como ideoloxía, e concordamos co BNG no espazo común do nacionalismo, pero rexeitamos o separatismo porque só conduce a xerar discordia, desorde e pobreza", sinalou. Por último, asegurou que os socialistas teñen a "máxima vontade de consenso" nun tempo marcado pola crise sanitaria e económica no que a cidadanía "reclama entendemento".

CABALLERO SOBRE O CUMIO GALICIA

Na mesma xornada secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de seguir "unha política frontista" e "de manipulación" coa súa convocatoria de reunión de presidentes autonómicos co fin de "buscar conflito co Goberno de España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Nengum povo é inocente da sua historia. Que lhe perguntem aos seus pais e avós a quem votárom, seguro que ai tenhem a resposta a sua desgraça. Na vida só se chora no cemitério, por todo o demais se é responsável.