Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 12:47
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) alerta nunha sentenza da "situación inxusta" que sofren as persoas enfermas de lupus ao non estar recoñecida como enfermidade causante de discapacidade, segundo informa o alto tribunal galego.
Os maxistrados, ademais, subliñan que ese descoñecemento das consecuencias do lupus "se torna se cabe máis inxusto se consideramos que é unha enfermidade fortemente feminizada", é dicir, que a sofren maioritariamente mulleres. Por iso, estimaron o recurso dunha enferma e aumentaron o seu grao de discapacidade dun 24 %, que foi o recoñecido pola Xunta, a un 50 %.
Para decretar ese incremento, a Sala do Social tivo en conta unha valoración da sintomatología causada pola enfermidade nos distintos sistemas corporais afectados -osteoarticular, xenitourinario, dermatolóxico e circulatorio-, non só no inmunolóxico, que era o único que fora valorado pola Xunta, de acordo ao criterio do Equipo de Valoración e Orientación.
O tribunal explica que o equipo soluciona "a lagoa regulamentaria" existente dándolle unha puntuación á paciente no sistema máis afectado, que neste caso é o inmunológico. Con todo, indican que "non valorou a afectación dos demais sistemas afectados", polo que estimaron o recurso interposto pola prexudicada contra a sentenza do Xulgado do Social número 1 de Ourense, que avalou o criterio do Goberno galego.
Os maxistrados destacan na resolución que o feito de que o lupus eritomatoso sistémico non estea incluído como enfermidade causante de discapacidade no Real Decreto que regula o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade supón "descoñecer a realidade dunha enfermidade que, cando alcanza determinada gravidade, incide profundamente na capacidade das persoas",
Dando lugar, engade, a un "inxusto prexuízo para as persoas con discapacidade, en contra do previsto no artigo 49 da Constitución Española e na Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, ratificada por España".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.