Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 14:15
Santiago de Compostela acenderá as súas luces o vindeiro venres ás 18,00 horas da tarde, o que marcará o comezo das actividades de Nadal na capital galega que inclúen o xa tradicional Mercado de Estrela, un autocine e a visita dos Reis Magos o 5 de xaneiro. O concelleiro de Mobilidade, Seguridade, Cidadanía e Festas, Gonzalo Muíños, foi o encargado de presentar este mércores nunha rolda de prensa a programación para as festas de Nadal de 2021.
Muíños insistiu durante a súa intervención en que o obxectivo deste ano é "chegar con ilusións renovadas" ás festas. Tamén incidiu en que parte da programación non se poderá confirmar ata o último momento, á espera de comprobar como evolucionan as cifras de contagios. A iluminación da capital galega contará con 21 km de luces, que se completarán con arcos decorativos e ornamentos nos edificios. As luces estarán acendidas desde as 18,00 ata as 02,00 horas da madrugada desde este venres ata o mércores 6 de xaneiro, excepto nos días 24, 25 e 31 de decembro; e o 5 de xaneiro; que permanecerán acendidas ata as 09,00 horas da mañá.
Tamén haberá outras actividades para estas datas, como o Mercado de Nadal situado en Carreira do Conde desde este venres ata o día de Reyes e que contará con 76 postos nos que se poderá comprar artesanía, decoración do Nadal, agasallos e mesmo alimentación gourmet. Ademais, o Mercado da Estrela tamén terá o seu sitio do 16 ao 19 de decembro nunha edición na que celebrará o seu décimo aniversario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.