Por Galicia Confidencial | OURENSE | 15/01/2022 | Actualizada ás 12:00
A asociación ecoloxista ADEGA vén de denunciar que o novo Plano Hidrolóxico MIño-Sil (PHMS), malia que debería declarar aos ríos galegos da súa competencia como zonas libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos debido a deterioración do seu estado ecolóxico, non o fará. Así, dende a entidade conservacionista sosteñen que a nova planificación da bacía, "unha das máis sobre- explotadas de Europa", aínda permite seguir a aumentar a presión hidroeléctrica.
Fronte a isto, dende ADEGA consideran que o PHMS debería incorporar no seu apartado normativo a "paralización da concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos" acordada polo Parlamento de Galicia e xa aplicada nas bacías dependentes da Xunta. Asemade, aseguran, os novos aproveitamentos e modificacións dos xa existentes actualmente en tramitación, deberían decaer tras a entrada en vigor da proposta de revisión do PHMS.
A asociación ecoloxista sinala que os expedientes de caducidade, revisión ou rescate dos dereitos concesionais deberianse iniciar de oficio para aqueles aproveitamentos que "incidan na deterioración do bo estado ecolóxico das masas de auga e impidan a consecución en prazo dos obxectivos fixados pola Directiva Marco da Auga (DMA)". Todo isto, destacan, "sen máis adiamentos". E no caso dos procedementose de caducidade, resolvelos no prazo que marca a normativa. A finalidade debera ser segundo indican: restaurar as masas de auga ao seu estado natural, incluíndo se fora necesario o desmantelamento das infraestruturas hidráulicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.