Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2022 | Actualizada ás 19:01
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou que a Xunta só autoriza os proxectos eólicos que cumpren todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais. Así se pronunciou en resposta a senllas preguntas formuladas no pleno da Cámara polos deputados Luís Bará (BNG) e Noelia Otero (PSdeG) sobre o desenvolvemento do sector eólico en Galicia.
Na súa intervención, Conde sinalou que o obxectivo da moratoria de ano medio e medio establecida pola Administración galega é avaliar os 275 expedientes presentados ata agora coas "máximas garantes". "Todos os proxectos que se tramitan en Galicia axústanse á normativa e só se autorizan aqueles que cumpren con todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais", incidiu.
Ademais, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, lembrou que a Administración galega propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos rurais, urbanos ou urbanizables, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aeroxerador.
Xunto con isto, sinalou que se están impulsando diferentes ferramentas para achegar información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas: a rede de información provincial de proxectos eólicos; a Guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico, dispoñible en web; e a Oficina de información a propietarios de terreos, para informar sobre métodos e criterios de valoración, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do chan.
No caso concreto do parque eólico de Corme, en Ponteceso, Conde remarcou que a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula a súa repotenciación por reducir á metade o prazo para consultar o informe de impacto ambiental e presentar alegacións non é firme e que "en Galicia a última palabra tena sempre a lexislación e a normativa".
Ademais, sobre este parque, Francisco Conde sostivo que a repotenciación permitiu cambiar 61 aeroxeradores antigos por outros sete máis modernos e eficientes sen aumentar a potencia, o que supón unha redución de case o 90% co correspondente beneficio ambiental e paisaxístico. Por último, con respecto ao parque eólico de Os Cotos, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), trasladou unha mensaxe de tranquilidade e confianza.
Así, explicou que, detectado o erro da promotora na relación de bens e dereitos afectados, xa se abriu de novo o prazo de información pública para a presentación de alegacións. E remarcou que a súa aprobación dependerá exclusivamente de se se axusta ao que di a lei do que digan todos os órganos consultados, incluído o propio concello.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Na sesión plenaria, o deputado do BNG Luís Bará lanzou unha pregunta a Conde: "Que máis ten que pasar para que o PP pare definitivamente a súa política eólica depredadora para favorecer ás grandes empresas eléctricas".
O parlamentario aludiu ás irregularidades detectadas pola Xunta e a documentación da empresa concesionaria do proxecto eólico de Os Cotos, en Cerdedo-Cotobade, e destacou tamén a sentenza do TSXG sobre o parque de O Roncundo, que cualificou de "contundente" por determinar que o Goberno do PP "vulnerou as directivas comunitarias e lexislación ambiental".
Pola súa banda, Noelia Otero censurou o "fracaso" da política enerxética da Xunta, que considerou que se caracteriza prol "improvisacións lexislativas" realizadas de "forma unilateral" e que só xeral "divisións e inseguridade xurídica" entre os diferentes actores implicados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.