Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 18:41
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, defendeu no pleno deste mércores o modelo eólico "garantista" para o desenvolvemento do sector que, asegurou, pon a disposición dos concellos, da cidadanía e das entidades interesadas a documentación de cada proxecto para que poidan consultalo.
Fronte a esta postura, a deputada do BNG Noa Presas advertiu das sentenzas que anularon proxectos da Xunta, como o caso de O Iribio ou Corme, e reclamou ao Goberno autonómico que "rectifique a súa política eólica, asuma responsabilidades, cambie o marco legal para dar garantías aos proxectos que se están tramitando"
Noa Presas denunciou a "trapallada" lexislativa permanente" do PP, coa que busca, dixo, "tapar o debate e facer política de feitos consumados para que as eléctricas campen ás súas anchas"; mentres que Francisco Conde lamentou a actitude de "bloqueo", sinalou, permanente que atribúe aos nacionalistas.
O vicepresidente autonómico subliñou que a Xunta "só vai autorizar aquelas iniciativas" que conten con todos os informes sectoriais favorables e que, por tanto, cumpran os requisitos establecidos na Lei galelga do sector eólico.
Ademais, Conde sinalou que a Xunta vai recorrer ante o Supremo a sentenza sobre o parque eólico de Corme (Ponteceso, sentenza na que, dixo, aválase o plan sectorial eólico de Galicia e "non pon en cuestión" os criterios técnicos e ambientais que levaron a aprobar o proxecto nin as sucesivas leis de axilización administrativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.