O Sindicato Unificado de Policía pide dobrar os efectivos en Galicia e denuncia un déficit de 447 axentes

O sindicato sinala que os medios non se adaptan a unha realidade marcada, sobre todo, polo auxe da ciberdelincuencia.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 11/02/2022 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O Sindicato Unificado de Policía pediu "dobrar" os efectivos que se destinan a Galicia segundo a última convocatoria do corpo, que estima cubrir 129 das 400 vacantes, polo que o SUP reclama 223, posto que denuncia un déficit de 447 axentes. O secretario xeral do sindicato en Galicia, Roberto González, ofreceu este venres unha rolda de prensa para "denunciar" a situación na que se atopa o corpo na Comunidade. Xunto a el, compareceron os catro secretarios provinciais do SUP.

Un dos principais problemas, destacou, é que o catálogo de profesionais "está obsoleto". "Non se modificou en 15 anos e, nese tempo, cambiou a sociedade, a tipoloxía de delitos e a propia policía. Debería adaptarse á realidade delicuencial, laboral e das propias comisarías", asegurou. González sinalou ademais que os delitos se volven cada vez "máis complexos", ao que se suma a loita contra a violencia machista --desde 2019 non se convocan prazas para a unidade especializada neste tipo delitos--, os ciberdelitos e o Ano Santo 2022.

Sobre este último aspecto, aínda que recoñeceron que en Santiago "as prazas están cubertas", non as consideran "suficientes" dada a magnitude do evento e que, como lembran, "seguimos en alerta antiterrorista nivel 4".

CRÍ​TICAS Á DELEGACIÓN E Á XEFATURA

Así, o sindicato propón algunhas solucións que, segundo sinalou, xa facilitaron tanto á Xefatura Superior de Policía como á Delegación do Goberno, contra a que verteron duras críticas. "A comunicación co delegado é nula. Non tivemos nin unha soa reunión e nunca nos sucedeu isto. Nunca tivemos as portas pechadas como agora, nin co PSOE nin do PP", aseverou González.

Con todo, tamén censuraron o comportamento da Xefatura, actualmente "descabezada" e co comisario provincial de Lugo "asumindo" a xefatura de Galicia e a da provincia da Coruña. Ademais, remarcaron que, ao tratarse de persoas de fóra de Galicia que chegan á Comunidade por un tempo limitado --habitualmente menos dun ano--, "falta implicación nos proxectos".

Esta situación "retarda" determinados trámites burocráticos e mesmo provoca que, en certos momentos, "os propios axentes non saiban a quen dirixirse". Destacan, por exemplo, que na Coruña non hai comisario provincial; "está asignada pero non chegou a tomar posesión".

PROPOSTAS DO SUP


Respecto das solucións, ademais dunha maior cobertura das vacantes no concurso xeral de méritos, piden "reformar" o calendario de vacantes e a creación dunha mesa de traballo que permita modificar a situación. "O ano pasado destináronse 143 axentes, este ano 129. A pesar da situación, mesmo se reducen prazas", insistiu.

Solicitan tamén dotacións de servizos extraordinarios e que se integren as máis de 100 prazas antes coñecidas como de segunda actividade para suplir a actividade nos xulgados, "unha tarefa que agora realiza a Garda Civil pero que por ámbito territorial, debería desempeñar a Policía".

CIBERDELITOS

Con todo, un dos aspectos que máis preocupa ao sindicato é o tratamento da ciberdelincuencia, para o que aseguran "fai falta unha reestruturación a nivel nacional". "Agora mesmo, non existe unha catalogación dos axentes, non teñen os medios nin a formación específica, que en gran parte dos casos é autodidacta", explican. Sinalan ademais que o máis importante aquí é a "prevención"; "avisar aos cidadáns de que se está producindo tal estafa, porque unha vez que se efectúa, cos medios que temos, é complicado seguir o caso", indicou González.

En Galicia, "máis da metade das denuncias" están relacionadas coa rede, "aínda que moitas non se reflicten porque non existe un apartado específico no balance e acaban catalogándose como 'sen infracción'.

Aínda que recoñecen que existen na Comunidade unidades especializadas, critican que a súa dotación "queda a discreción da comisaría, non hai un criterio homoxéneo". Na maioría dos casos, os profesionais que se encargan deste tipo de accións, levan tamén outras áreas. Se non é así, matizan, se detraen doutros departamentos, "polo que se desviste un santo para vestir outro".

Outro dos problemas en canto a isto son as dificultades ou "barreiras" que, en moitas ocasións, pon as empresas de telefonía ou as entidades bancarias á hora de facilitar información. "En moitos casos é necesario un requirimento xudicial e iso atrasa as actuacións", indica González.

PROVINCIAS

Pola súa banda, os secretarios provinciais achegaron datos máis pormenorizados. Seguindo coa loita contra a ciberdelincuencia, explicaron que en Ourense hai catro axentes, "que se quitaron doutros sitios"; en Lugo hai seis, "que non se dedican a isto en exclusiva".

En Pontevedra son catro e en Vigo, 10, coa previsión de aumentar dúas máis, "pero as denuncias multiplicáronse por catro ou por cinco", mentres que na cidade herculina hai sete, "que non chegan en absoluto". "Ao redor dun 85% das denuncias que chegan á oficina de denuncias, xa son de estafas por internet", asegurou a secretaria coruñesa, Sandra Castro.

Na Coruña solicitan, entre outras cuestións, a división dos profesionais que se ocupan da sala 091 do resto de axentes --agora mesmo figuran dentro da mesma categoría--, posto que se trata dun traballo "especializado", "que non pode facer calquera" e que, dado que se encadra noutra categoría, resta profesionais necesarios. Para a comisaría de Santiago, piden unha unidade de intervención policial permanente, mentres que para a de Ribeira ven necesario "máis persoal e máis cualificado".

Tamén presenta problemas a comisaría de Ferrol, para a que solicitan unha unidade de prevención e reacción, dado o seu índice de delincuencia, a extensión que cobre --Ferrol e Narón-- e a cantidade de poboados chabolistas, 90.

Na provincia de Lugo, segundo remitiu Alfonso Darriba, "o denominador común é a falta de efectivos, cun déficit que rolda o 14%". Sinala ademais que, dado que contan cun equipo de fútbol en segunda división e un de baloncesto na ACB, é necesaria tamén unha unidade de prevención e reacción, xa que ademais "Lugo é a única capital de provincia que non ten".

O secretario provincial de Ourense, pola súa banda, censurou tamén a "irregularidade" da convocatoria do concurso de méritos, que "deberían realizarse por postos de traballo e non por persoais, como o propio Defensor do Pobo sinalou nunha recomendación en 2016". En Ourense, afirmou, hai un déficit de 29 funcionarios. Pide ademais completar a unidade de prevención e reacción e a creación dunha brigada móbil, "especializada na prevención de delitos, atención de viaxeiros e control de medios de transporte". Xustifican esta petición coa chegada do AVE a Ourense.

Por último, Sandra Fernández deu conta das necesidades policiais en Pontevedra, que presenta un déficit de 123 prazas. Igual que ocorre na Coruña, na comisaría da cidade olívica hai 25 axentes para a sala do 091 que son detraídos do grupo de seguridade cidadá, polo que tamén pide a súa diferenciación.

En canto á comisaría provincial, solicitou tamén unha unidade de prevención e reacción, ao tratarse dunha cidade na que se realizan "moitas manifestacións e eventos culturais" e para cuxa protección "se adoitan detraer patrullas de Vigo". Respecto das comisarías locais, sinalou que tanto a de Marín como a de Vilagarcía de Arousa son "as grandes esquecidas", cun reforzo e ningún, respectivamente.

Comisaría de Policía Nacional na Coruña.. POLICÍA NACIONAL
Comisaría de Policía Nacional na Coruña.. POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta