Que pasaría se Feijóo decide compatibilizar a Xunta con liderar o PP en Madrid?

"Non hai que elixir entre Galicia e o PP", sinalou o presidente da Xunta este mércores. Fontes consultadas por GC non descartan que tente quedar en Galicia e liderar ao mesmo tempo o PP en Madrid. "Tería eco mediatico e seguiría controlando os medios", apuntan.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O futuro de Feijóo é o futuro de Galicia. E a decisión que adopte o presidente galego pode afectar, e moito, á gobernabilidade deste pequeno país. A máis que probable elección do dos Peares como líder do PP obriga a reconfigurar a política galega e, dependendo da súa decisión, sumila aos vaivéns de Madrid.

O presidente de Galicia á súa chegada a unha reunión cos familiares da tripulación do Villa de Pitanxo
O presidente de Galicia á súa chegada a unha reunión cos familiares da tripulación do Villa de Pitanxo | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Nas últimas horas hai silencio absoluto na Xunta sobre o futuro de Feijóo. Nin os seus conselleiros máis estreitos saben o que quere ou o que vai facer. Só un núcleo de persoas moi reducido saben as verdadeiras opcións que baralla o presidente galego para Galicia cando marche para Madrid.

O que si parece xa máis claro é que Feijóo marchará a Madrid para liderar o seu partido. Así llelo piden os dirixentes do PP tal e como xa pactou cos principais baróns, incluída, Isabel Díaz Ayuso, que foi quen comezou a peor crise do Partido Popular e a que, polo momento, saíu indemne.

E O FUTURO DE GALICIA?

E que pasará en Galicia se Feijóo marcha a Madrid?. Nas últimas horas sucederonse os rumores. Se decide deixar a Xunta só pode ser substituído por un deputado e, neste caso, os mellor situados son os vicepresidentes primeiro e segundo, Alfonso Rueda e Francisco Conde, respectivamente, os únicos que quedaron coa acta de deputados tras a remodelación feita no Executivo galego en setembro de 2021. Hai outros nomes, pero Rueda e Conde son, polo momento, os mellor posicionados, e así o confirman varias fontes da Xunta consultadas por GC.

Pero que pasa se Feijóo non quere deixar a Xunta?, é dicir, que sexa o líder do PP e queira compatibilizar ese cargo co de presidente de Galicia. Unha posibilidade inédita e que suporía, na práctica, someter o goberno de Galicia aos vaivéns da política de Madrid. Unha posibilidade coa que poucos contaban ata que o presidente soltou no pleno deste martes que, decida o que decida, "non hai que elixir entre Galicia ou Madrid".

"Hai que elixir entre Galicia e o PP? Non señoría, porque Galicia sempre elixiu ao PP e, en consecuencia, sempre dixo que non aos nacionalistas galegos. Os galegos son máis listos que vostede e eu", contestoulle á líder do BNG, Ana Pontón. Previamente, a nacionalista
espetoulle que é "lexítimo" que teña aspiracións, pero non que use a Galicia como "antesala" polo que é imprescindible que "elixa": Galicia ou o PP.

PRESIDENTE REPRESENTATIVO

As fontes consultadas por GC aseguran que, todo é posible, tras estas novas declaracións de Feijóo e, mesmo non se descarta que quede como presidente de Galicia pero dándolle máis poder executivo aos vicepresidentes. "Tería eco mediatico e seguiría controlando os medios de comunicación en Galicia e tamén mimar aos de Madrid", apuntan.

Deste xeito, o seu papel en Galicia sería só para os grandes eventos, mentres que deixaría ao día a día aos seus vicepresidentes e a outros conselleiros que tamén poderían asumir novas tarefas. "Habería unha reconfiguración do Goberno galego, pero tamén a habería se decide marchar e ir a Madrid", din. Ao final, quede ou marche, os cambios na Xunta son inevitables.

OUTRAS POSIBILIDADES

Con todo, Feijóo, que leva anos controlando a axenda dos medios, sabe que non pode ir a Madrid sen nada, xa que a posibilidade de enfrontarse nun cara a cara con Sánchez non a ten por non ser deputado no Congreso. Polo tanto, a outra opción que baralla é situarse no Senado por designación territorial.

Deste xeito, seguiría tendo presenza mediatica pero non sería a mesma que a de quedar como presidente da Xunta, un posto no que se pode medir "de ti a ti" co presidente do Goberno. E ten foros, non só a Conferencia de Presidentes, para facelo.

Se decide ir polo camiño do Senado non sería sen danos colaterais. Dous próximos a Pablo Casado como Javier Maroto, actual portavoz, ou a castellonenca Salomé Pradas, secretaria xeral do grupo 'popular', situaríanse entón na pista de saída.

Unha terceira posibilidade, pero xa moi hipotética, sería que Feijóo tente acaparar a secretaría xeral do PP, a Portavocía no Senado e quedar como presidente da Xunta. Unha acumulación de tarefas que farían moi difícil centrarse en todas e que terían repercusión na política galega, que quedaría completamente dependente da política de Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se MUFACE pode xestionar todo o Estado dende Vigo ¿por que non vai poder xestionarse un partido político dende Monte Pío? Se Feijoo fose o novo Presidente do PP podería por fin vender o edificio de Génova e gobernar o partido dende Galicia. Unha nova Secretaria Xeral levaría o traballo coitá en Madrid (Congreso-Senado) e o Presidende da Xunta tería capacidad de maniobra para revisar tódalas listas electorais das Municipais (se Sánchez aguanta ata 2024) o candidato a Presidir o Estado viviría no Con de Moaña ! Non estaría mal para variar...