Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 19:29
Ferrol lembra este xoves, 10 de marzo, con dúas manifestacións e senllas ofrendas florais, o cincuenta aniversario dos sucesos de 1972, cando dous traballadores da antiga Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, faleceron abatidos polos disparos da policía cando participaban nunha manifestación do sector naval, na que reclamaban ter un convenio colectivo propio.
Ambas as marchas partiron da porta de Navantia Ferrol e finalizaron ante o monumento ao 10 de Marzo, no barrio de Recimil, unha con saída ás 11,30 horas, a convocada por CCOO, e a outra, organizada pola CIG, media hora máis tarde, ás 12,00 horas.
Ademais, o Concello de Ferrol volveu desenvolver un acto institucional, que incluíu unha ofrenda floral. Nela, o alcalde, Ángel Mato (PSOE), manifestou que este "é un acto de recoñecemento de Amador Rey e Daniel Niebla", pero tamén "un acto en memoria de moitas das persoas que saíron á rúa contra a ditadura e que lamentablemente hoxe xa non poden estar connosco".
"Para mostrarlles o noso recoñecemento, cincuenta anos despois, temos que estar hoxe aquí reunidos, para lembralos, e poder así reivindicar no día de hoxe o seu legado", destacou
FINAL DO FRANQUISMO
Na mobilización de CCOO estivo presente o secretario xeral deste sindicato, Unai Sordo, que xustificou a súa presenza en Ferrol "para acompañar os compañeiros nun día moi significativo para a clase traballadora galega e tamén para a recuperación dos dereitos democráticos en España". "Os asasinatos do 10 de marzo de 1972 enmarcáronse dentro dun proceso de intensísimas mobilizacións laborais que, ademais de pretender a mellora das condicións de traballo, supuxeron o gran problema de desestabilización na parte final do Franquismo", sinalou.
No barrio de Recimil tamén estivo o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que destacou "a necesidade de seguir lembrando os falecidos hai 50 anos", xa que Amador e Daniel "deron a súa vida por unha serie de valores" que é necesario "preservar".
PRESENZA DO BISPO DE MONDOÑEDO-FERROL
Tamén neste acto institucional organizado polo Concello de Ferrol participou o bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, que destacaba que "xa en 1972 a Igrexa acompañou os traballadores". "Sobre todo porque a Igrexa está co movemento obreiro e temos que seguir reclamando un traballo decente e a loita para que o centro da economía se poña nas persoas", subliñou. Ademais, García Cadiñanos publicou nesta xornada un escrito apoiando e solidarizándose con esta data.
CIG
Pola súa banda, o sindicato CIG organizou en solitario a súa mobilización e a súa ofrenda floral, na que o seu secretario xeral, Paulo Carril, destacaba que "este é un acto de recoñecemento, pero tamén de reivindicación da loita e da reivindicación do ano 1972 que está plenamente vixente", un momento "no que o dereito por unha negociación colectiva sen que sexa desde Madrid, está en dúbida".
O máximo responsable do sindicato nacionalista asegurou que este 10 de marzo obriga "con máis forza que nunca" a "saír á rúa", dada a "situación de crise", coa guerra en Ucraína, coa que se quere xustificar unha serie de medidas laborais e económicas neoliberais que empobrecen máis a clase traballadora".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.