Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/03/2022 | Actualizada ás 19:29
O alcalde de Riós (Ourense), Francisco Armando Veiga (PP), avanzou a súa intención de renunciar ao seu cargo, ao que accedeu no ano 1993, nun pleno celebrado este luns no que se aprobou, ademais, un plan de axuste para o Concello, que agora mesmo sofre "dificultades financeiras".
Así o explicou o propio rexedor a Europa Press, nunha conversa na que subliña que non decide dar o paso ao carón --prevé seguir como concelleiro polo menos temporalmente-- por motivos "económicos", se non porque, 29 anos despois de tomar as rendas da Alcaldía e "orgulloso" de deixar un concello "con todos os servizos", considera que é a hora de "deixar paso a novas xeracións".
"Voume por motivos persoais", trasladou, á vez que asegurou que informara meses atrás tanto ao presidente provincial do seu partido, Manuel Baltar, como ao autonómico, Alberto Núñez Feijóo.
O rexedor esgrimiu que el xa tiña previsto marchar e desvinculouno das dificultades económicas que atravesa o concello, aínda que o PSOE acúsao de "abandonar o barco e deixar ao Concello "á deriva" e sumido nunha situación económica "catastrófica".
Veiga lamentou a postura dos socialistas e defendeu que el podería seguir como alcalde sen que fose un impedimento para que o Consistorio accedese ao crédito que necesita, pero "chegou o momento de deixar paso".
Previsiblemente, segundo trasladou o propio rexedor, no pleno no que formalizará a súa renuncia, tomará posesión do bastón de mando a edila Eva María Barrio.
UNHA DÉBEDA DE MÁIS DE 325.000 EUROS
Pola súa banda, os socialistas denunciaron que o Concello de Riós "ten que facer fronte a unha débeda de máis de 325.000 euros", polo que agora terá que recorrer a un préstamo e someterse a un plan de saneamento, que supón --avisan-- "hipotecar" o concello "para os próximos 12 anos".
Os socialistas acusan o alcalde e ao seu equipo de goberno de ser "culpables desta situación", e ven "extremadamente grave" que o rexedor mostre a súa intención de marcharse "cando veñen mal dadas". De feito, esgrimiron que o rexedor pretende dimitir "por non poder facer fronte o Concello ao seu elevado salario público".
"Non é de recibo que o alcalde abandone o barco cando hai dificultades financeiras", resolven os socialistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.