Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2022 | Actualizada ás 16:14
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol estará finalizada no segundo semestre de 2023. Este luns, a responsable de Mar do Goberno galego visitou o porto ferrolán acompañada, entre outras autoridades, polo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea.
En declaracións aos medios, Quintana resaltou que esta actuación, que xa completou a escavación do túnel de 5.500 metros --a parte da obra de maior dificultade técnica--, permitirá "recuperar a competitividade" do porto.
Tamén avanzou que a seguinte fase, que consiste na construción do viaduto de 750 metros sobre a enseada da Malata (e que enlazará por tren o porto interior coa boca do túnel na Graña), dará comezo o próximo mes de maio. Estes traballos desenvolveranse de forma paralela á execución da rede ferroviaria interna da dársena exterior, cuxa data de finalización está prevista para outubro.
De todos os xeitos, Quintana insistiu en que a conclusión do acceso por tren (segundo semestre de 2023) podería estar condicionada pola folga do transporte, polo que pediu ao Goberno central que "adopte o máis rápido posible as medidas necesarias para que se acabe coa folga e que todas as obras poidan continuar con viabilidade".
A conselleira destacou a "situación estratéxica" do porto de Ferrol e lembrou o "castigo aos combustibles fósiles" que, no caso da dársena local, fixo "desaparecer" o tráfico da súa principal mercadoría, en referencia ao carbón para a central térmica das Pontes. Por tanto, incidiu no "fundamental" desta conexión ferroviaria para buscar "novas vías de negocio". "Se o porto vai ben, toda a comarca irá ben".
LIÑAS DE COLECTORES
Pola súa banda, o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, non descartou a posibilidade de que se produzan atrasos sobre a data prevista de maio de 2023 dada a complexidade da obra e de circunstancias como a folga de transporte, que provocou un parón nos últimos días por falta de subministracións.
Sobre as liñas de colectores, o tráfico no que máis creceu o porto no tres últimos anos, Barea asegurou que a de China está pechada e que a súa activación depende de trámites entre os operadores.
"Témola cos maiores portos do mundo, como Singapura, Xangai ou Ningbó, con Estados Unidos, con África. É o maior avance para este porto porque imos poder sacar colectores para todo o mundo, algo que non podiamos facer antes porque estabamos limitados a Europa", manifestou Barea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.