Así están os prezos da carne... estase pagando un prezo xusto aos produtores?

Os gandeiros declaran que a Lei de Cadea Alimentaria non se cumpre en canto prezos pagados a produtores de carne. A suba dos prezos para insumos agrarios destinados á produción cárnica fai caer a rendibilidade de moitas explotacións, intensivas ou extensivas. Algúns puntos como a alimentación do gando, o consumo enerxético ou a liña de transporte están afectando de maneira negativa ao prezo final que se paga en granxa.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A produción de carne en Galicia está pasando por un momento delicado ante unha suba de prezos para a alimentación do gando e as diferenzas entre o prezo que recibe o produtor e o pagado polo consumidor. E a pesar das políticas fiscais sobre combustibles e a reforma da Lei da Cadea Alimentaria, o sector gandeiro cárnico sinala aínda os elevados prezos do combustible (gasóleo B ou gasóleo agrario) e tamén os maiores custes de materiais como plásticos de ensilado que xa son o dobre de hai un ano. E todo isto cando en Galicia un gran número de explotacións traballan baixo o selo de Ternera Gallega, un garante de calidade pensado para a exportación de carnes fóra da nosa comunidade que non estaría impulsando suficientemente dita exportación. Todo isto e máis fai que a día de hoxe non se poida dicir cal sería o número idóneo de cabezas para facer rendible unha explotación.

Arquivo - Vacas louras nun cercado ao aire libre nunha granxa de Ourense.. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Vacas louras nun cercado ao aire libre nunha granxa de Ourense.. EUROPA PRESS - Arquivo

UNHA SITUACIÓN DELICADA

A reforma da Lei de Cadea Alimentaria pretendía “reforzar a posición negociadora do produtor gandeiro de cara a unha remuneración digna polo seu traballo”. A día de hoxe e coas coxunturas internacionais xunto coas consecuencias da pandemia no económico e social, os gandeiros produtores de carne non ven unha “remuneración digna” en canto aos emolumentos recibidos pola súa produción.

“A lei de cadea non se cubre porque a día de hoxe non nos estamos recuperando da caída de prezos anterior” sinala José Ramón González de UUAA. “Non se nos pagan os prezos que deberan corresponder”. Así, González sinala que case non hai diferenza entre os prezos da carne baixo o selo Ternera Gallega e outras carnes procedentes doutras autonomías. Isto cando Ternera Gallega é unha denominación creada, en principio, para exportar carne de calidade que non está chegando a mercados foráneos. 

“Estamos con prezos de 2019 e con custes de produción de 2022 porque estes aumentaron debido á falta de exportación” de gran ucraíno e ruso, apunta Samuel Formoso do SLG. “Durante a pandemia o prezo pagado ao gandeiro baixou 50 ou 60 céntimos, así pasamos de ao mellor 4,50€ por quilogramo a 3,90€” di Formoso.

Prezo de pensos para engorgar becerros
Prezo de pensos para engorgar becerros | Fonte: Ministerio de Agricultura

A actual situación obrigou a negociar novos prezos entre industria e produtores. Desta maneira Medio Rural insistiu en que non se podería vender por debaixo dos custes de produción. “Así temos que un prezo aceptable serían os 5€ máis IVE por quilogramo” di Formoso.

DISTRIBUCIÓN E CUSTES

“A maior parte da carne que se produce en Galicia comercialízase aquí porque non hai distribución cara lugares onde pagarían por unha carne de calidade” destaca González. Dalgunha maneira, habería que corrixir esta situación para ter un sector competitivo cuxo produto vai a un mercado local que non absorbe con prezos equilibrados a carne saída das granxas galegas. “Os observatorios de prezos debían vixilar todas as interferencias que agora mesmo están a prexudicar o sector”.

A suba dos prezos no mercado cara o consumidor en teoría pode facilitar un aumento dos prezos en orixe, aínda que para Samuel Formoso “aumentar o prezo da carne de cara o consumidor pode ser contraproducente e ademais, mermar a capacidade adquisitiva” tanto do consumidor como do produtor. “Desde logo non queremos afastarnos deixar de producir carne de calidade, mais nalgúns casos os gandeiros, por exemplo, en extensivo, tardarían en ver beneficios” en caso de que a situación dese un cambio.

O gando en extensivo tarda en cebar, non así en intensivo, aquel que consome cereal en penso. Sobre este último, influirá a actual coxuntura sobre a calidade última da carne? “Non, o que si pode baixar a calidade é o cereal que se importe, pois se agora non podemos traelo de Ucraína e Rusia é probable que sexa importado de EE.UU ou América Latina” apunta Formoso. O cereal americano ten unha alta porcentaxe de cultivo transxénico, punto este que entraría en conflito cos estándares esixidos pola UE. Aínda así, podería ser unha solución puntual para saír do paso, apuntan algúns gandeiros.

“O penso para alimentar os animais pasou de entre 240 a 270€ a tonelada agora andamos polos catrocentos, un incremento de 80 céntimos máis nos custes de produción” remarca González. “Se imos aos fertilizantes, pois cada día están subindo de prezo e se vou mercar plástico para ensilar, gasto 90€ por un rolo”, cando antes oscilaba entre os 70 ou 75€. “Os combustibles, o gasóleo B, de 0,52 céntimos por litro estou pagando agora 1,30€ por litro”, moito máis que o dobre.

Sobre a cuestión do alimento para gando con base cereal, desde as organizacións agrarias consideran que se está especulando cos prezos do gran “que xa estaba almacenado antes da guerra”. Por tanto, os actuais prezos están respondendo, se se segue a lóxica da especulación, a un xogo perigoso que se se prolonga, pode afectar moi negativamente ao sector agroalimentario. E desde logo, ao peto da cidadanía que consome carne.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta