Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2022 | Actualizada ás 14:00
Tan só o 8% da pescada que consumimos procede de zonas nacionais de pesca. Case a metade das capturas, o 47%, percorre unha media de 12.000 quilómetros até chegar a porto. Son datos que preocupan, xa que isto ten unha relación coa cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro de toda a cadea, desde a captura até a súa venda aos consumidores. Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) publican os datos do que din é o “primeiro estudo que calcula a pegada de carbono da cadea de subministración da pescada no Estado español, que inclúe a pesca, o transporte internacional e a distribución no comercio nacional. “A pesca é o maior contribuínte ás emisións da cadea”, apuntan.
Nos últimos anos aumentou o interese dos científicos nas contribucións que os distintos sectores e subsectores produtivos fan ao cambio climático, cuantificadas en emisións de gases de efecto invernadoiro. A pesca é un deles, pero non había datos concretos sobre un dos recursos pesqueiros máis prezados para a frota galega, a pescada.
“Este traballo reconstrúe, por primeira vez, a cadea da pescada en España co obxectivo de estimar a pegada de carbono da súa extracción (pesca), transporte e distribución”, explican os seus autores.
Os seus resultados, con datos de 2017, mostran que as emisións totais de gases de efecto invernadoiro procedentes da produción e da cadea de valor da pescada foron de 681 quilotoneladas de CO₂e (equivalente de dióxido de carbono). Destas emisións totais, as relacionadas coas operacións pesqueiras representan o 67% (456 kt CO₂e), sendo o 33% restante (225 kt CO₂e) asociadas ao transporte (marítimo, aéreo ou por estrada).
“O noso estudo destaca a importancia de atopar un equilibrio entre os patróns de consumo saudable de peixe e os seus impactos ambientais asociados”
O transporte aéreo foi o máis alto en canto a intensidade de emisións por quilo de pescada transportado (15,85 kgCO₂e) e contribuíu coa maior proporción (72 %) das emisións do transporte. O transporte marítimo presentou a menor intensidade de emisión (0,33 kgCO₂e kg) e predominou para a pescada capturada fóra da UE (por exemplo, Arxentina, Namibia), “compensando as longas distancias que a pescada tivo que percorrer cunha maior eficiencia de transporte”, comentan.
“A evidencia proporcionada polo noso estudo destaca a importancia de atopar un equilibrio entre os patróns de consumo saudable de peixe e os seus impactos ambientais asociados”, defenden os investigadores.
Para calcular a pegada de carbono da pescada, aplicouse un sistema que inclúe a extracción (pesca), o transporte internacional a España e a distribución nacional dentro do territorio español durante o ano 2017. O consumo de combustible da flota incluíu todas as operacións pesqueiras, mentres que as importacións incluían o transporte internacional e as emisións derivadas das operacións da flota pesqueira nos países de orixe. Os investigadores contabilizaron os distintos tipos de transporte (terrestre, marítimo e aéreo) e as diversas rutas que seguen os desembarques desde os portos ata os comerciantes distribuídos en España, seguindo as cadeas de subministración do transporte intermodal desde o exterior ata a distribución final en cada provincia española. A distribución interna incluíu a recirculación da pescada dentro do territorio nacional e entre os centros loxísticos das distintas provincias, co fin de cubrir a demanda de consumo interno.
Nos cálculos da pegada de carbono excluíronse da análise algúns compoñentes da cadea de subministración: todas as emisións posteriores á venda polo miúdo, incluídos o transporte, o almacenamento, o cociñado e os residuos; o volume de pescada comercializada como “enlatada e transformada”, porque representa unha cantidade mínima do total da pescada comercializada en España; eas emisións de carbono durante as operacións de arrastre pola resuspensión de sedimentos do fondo mariño, aínda que estudos recentes apuntan a que esta remineralización podería ser unha importante fonte de emisións de CO₂; as emisións relacionadas co transporte e distribución de exportacións a terceiros países, porque o obxectivo do estudo era comprender a intensidade de emisións e os impactos da subministración da cadea alimentaria asociada ao consumo de pescada en España; e as emisións dos axentes refrixerantes nas explotacións pesqueiras.
A pescada europea e a arxentina representan o 83 % das capturas totais da frota con bandeira española, mentres que a surafricana e a austral son as que máis se importan
Para obter a pegada de carbono, converteron en emisións de gases de efecto invernadoiro o consumo de combustible da flota e as distancias percorridas polos distintos tipos de transporte nas distintas etapas de toda a cadea de subministración da pescada. Neste estudo consideraron a cantidade de CO₂ equivalente (CO₂e) emitido por quilogramo de pescada enteira.
As emisións das capturas de pescada calculáronse en función do consumo de combustible dos buques pesqueiros, incluíndo a pesca, o transporte desde a zona de pesca ata o porto de desembarco e a viaxe de ida cun buque baleiro, asumindo que representa a gran maioría das emisión.
Os investigadores tamén aplicaron conversores para calcular as emisión de gases para cada un dos tipos de transporte empregados na cadea de subministración da pescada en España. A medición das emisións destes transportes fíxose en Kg CO₂e por tonelada por quilómetro, calculando o impacto de cada unha das rutas a partir do volume transportado e da distancia percorrida entre a orixe e o destino do produto.
Das 12 especies diferentes que pertencen a este xénero no mundo, a pescada europea (Merluccius merluccius) e a pescada arxentina (Merluccius hubbsi) foron responsables do 83 % das capturas totais de pescada da flota con bandeira española. En canto ás importacións, as principais especies de pescada comercializadas no Estado español son a pescada surafricana do Cabo (Merluccius capensis) e a austral (Merluccius australis).
DE ONDE PROVÉN A PESCADA QUE COMEMOS?
A frota española capturou 98.206 toneladas de pescada en 2017. Deste total, 30.134 toneladas procedían de buques que desembarcaban en portos nacionais, das cales 12.789 toneladas foron capturadas en zonas de pesca nacionais e 17.345 en zonas de pesca internacionais. As 68.072 toneladas restantes procedían de buques epañois que faenan exclusivamente en zonas de pesca internacionais e que desembarcan as súas capturas en portos internacionais.
"De toda a pescada dispoñible para o consumo en España, só o 8% é capturada pola frota española en zonas de pesca nacionais”
As importacións alcanzaron un volume de 121.032 toneladas, que ao engadirse ao rendemento da captura, produciu unha dispoñibilidade total de 219.239 toneladas deste peixe. Desta dispoñibilidade total, os investigadores descontaron o volume de pescada exportado (65.305 toneladas), resultando unha dispoñibilidade neta de 153.934 toneladas de pescada, que é o volume que finalmente chegou ao comercio minorista para o seu consumo. “Cabe destacar que de toda a pescada dispoñible para o consumo en España, só o 8% é capturada pola frota española en zonas de pesca nacionais”, subliñan os autores do estudo.
Como sinalan, os buques con bandeira española que recollen pescada operan regularmente en cinco principais zonas de pesca da FAO. En primeiro lugar sitúase o Atlántico suroeste, que é a zona de pesca con maior volume de capturas (46.000 toneladas; 47% do total), das cales o 93% desembarcaron en portos internacionais (principalmente Arxentina e Uruguai), mentres que só o 7% foi desembarcado en portos españois. A segunda zona FAO con maiores capturas foi o Atlántico nordés, con máis de 33.000 toneladas; 33%, das cales o 76% foi desembarcado en portos españois, mentres que o 24% restante foi desembarcado en portos de Irlanda e Francia, e despois transportados a España. Os investigadores destacan que estas dúas zonas – Atlántico suroeste e norés– supoñen en conxunto o 80% do total da pescada capturada pola flota española.
Por outro lado, o 55% da pescada dispoñible nos mercados en España depende das importacións, sendo Namibia o país do que máis pescada se importou (40.000 toneladas), co 30% do volume total das importacións. Da pescada importada de Namibia, o 96% foi transportada conxelada. O segundo país en importancia foi Francia (24.000 toneladas), representando o 17% do total. Como apuntan os investigadores, a diferenza de Namibia, case toda a pescada importada de Francia chegou a España fresca (98%). Arxentina foi o terceiro país, con máis de 15.000 toneladas de pescada, todas elas comercializadas conxeladas.
As capturas poden percorrer até 12.000 quilómetros de distancia até chegar a porto, como ocorre cos barcos que operan en augas de Chile
Os investigadores destacan que a pescada importada e desembarcada polos buques con bandeira española nos portos internacionais “percorre longas distancias para venderse en España”. Os países suramericanos (Chile, Arxentina, Uruguai) e as Illas Malvinas lideraran a clasificación de distancias medias ponderadas. Chile foi o país con maior traxecto de viaxe por tonelada de pescada capturada e transportada a España (arredor de 12.000 km.), mentres que na posición contraria situouse Portugal, cunha distancia media ponderada inferior aos 850 quilómetros. Francia, Reino Unido, Irlanda e Dinamarca tamén mostraron cifras moi similares ao comparar a distancia media ponderada percorrida para os desembarques de capturas en portos internacionais e as importacións. A pescada transportada desde Alemaña, Dinamarca, Sudáfrica, Estados Unidos, Canadá e Chile procedía principalmente de importacións, mentres que a pescada transportada desde Uruguai, Mauritania, Senegal, Marrocos, Portugal, Guinea, Italia e Angola procedía exclusivamente de capturas desembarcadas por buques con bandeira española en portos internacionais.
EMISIÓNS DE GASES
Como diciamos, as emisións totais de gases de efecto invernadoiro da cadea de subministración da pescada calculáronse en 681 quilotoneladas de CO₂e (dióxido de carbono equivalente), sendo a pesca o 456 kt de CO₂e (67 %) e o transporte, 225 kt de CO₂e (33 %). O dióxido de carbono equivalente é unha medida universal utilizada para indicar en termos de CO2, o equivalente de cada un dos gases de efecto invernadoiro con respecto ao seu potencial de quecemento global.
As emisións asociadas á pescada importada foron de 356 kt de CO₂e, que representan máis da metade das emisións totais (52 %), sendo a pesca responsable de 231 kt de CO₂e (65 %) e o transporte, de 124 kt de CO₂e (35 %). En segundo lugar atópase a pescada procedente de embarcacións que desembarcan as súas capturas en portos internacionais, cunha cantidade de 216 kt CO₂e, que representa o 32% das emisións totais. Neste caso, a pesca foi a responsable das emisións estimadas en 119 kt de CO₂e (65 %) e o transporte, de 97 kt de CO₂e (55 %). Finalmente, a pescada dos buques que desembarcaban as súas capturas nos portos de orixe en Galicia e o resto do Estado foi responsable de 109 kt de CO₂e, o que representa o 16 % das emisións totais, sendo a pesca o 97 % e o transporte o 3 % restante.
Dos desembarques realizados en portos de orixe, a pescada capturada en zonas de pesca nacionais orixinou 57 kt de CO₂e, mentres que a capturada en zonas de pesca internacionais acadou 52 kt de CO₂e. En ambos os casos, as emisións asociadas á pesca supuxeron máis do 95%. Toda a pescada desembarcaba en portos internacionais e das importacións capturouse en áreas de pesca internacionais.
“A pescada conxelada foi responsable de menores emisións que a fresca debido ao menor volume capturado e transportado"
Ao comparar as emisións producidas pola pescada fresca e conxelada, comprobaron que a fresca representaba 541 kt CO₂e, o 79,5% das emisións totais, das cales a pesca é responsable de 337 kt CO₂e (62% das emisións da pescada fresca), e o transporte representou 204 kt CO₂e (38 % das emisións).
Como explican os autores do estudo, os seus resultados indican que “a pescada conxelada foi responsable de menores emisións que a fresca debido ao menor volume capturado e transportado, alcanzando unha cantidade total de emisións estimada en 139 kt CO₂e”. As emisións relacionadas coa pesca, neste caso, foron de 118 kt de CO₂e (85 %), e as procedentes do transporte foron de 21 kt de CO₂e (15 %).
Os investigadores tamén calcularon a intensidade de emisión (ou intensidade de carbono), a cal estima o ritmo de emisión dun determinado contaminante durante unha actividade concreta. A da pescada foi, de media, de 4,42 kg de CO₂e/kg de peixe enteiro. Pero foi máis alta na pescada importada (4,88 kg CO₂e/kg), seguida da desembarcada en portos internacionais (4,09 kg CO₂e/kg), mentres que a desembarcada nos portos galegos e doutros puntos do Estado presentou a menor ratio de intensidade de emisión (3,86 kg CO₂e/kg).
A que chega a estes últimos captúrase en zonas pesqueiras tanto nacionais como internacionais, e as primeiras presentan unha intensidade de carbono maior que as segundas, segundos datos obtidos. A pescada fresca tamén mostrou unha intensidade de emisión maior en comparación coa conxelada.
O transporte aéreo presentou a maior intensidade de emisións, moi por enriba do marítimo e por estrada, malia que só representa o 14% do volume total transportado
As emisións asociadas ao transporte internacional e doméstico da pescada para ascenden a 225 kt de CO₂e, sendo o transporte aéreo o que ten o maior volume de emisións, cun volume de 16 5kt CO₂e, que representa o 73% das relacionadas co transporte da pescada, e malia que só representa o 14% do volume total transportado. En segundo lugar está o transporte marítimo, con 34k t CO₂e, o 15% das emisións totais, e o 45% do volume total transportado. E, finalmente, o transporte por estrada,con 26 kt CO₂e, sendo o 10% das emisións derivadas do transporte responsable do 41% do volume total transportado.
O transporte aéreo tamén presentou a maior intensidade de emisións, moi por enriba dos outros modos de transporte; o marítimo e por estrada, sendo este último o máis eficiente.
UTILIDADE
Para os seus autores, este estudo “proporciona evidencia científica e novos coñecementos que poden ser útiles para o deseño de posibles solucións que axuden a xestionar a explotación da pescada a niveis de produción sostible, apoiando así a mitigación do cambio climático e as dietas saudables”, argúen.
“A evidencia suxire a necesidade de lograr un equilibrio entre os patróns de consumo saudable de peixe e os impactos ambientais asociados”, continúan os investigadores, que consideran que existen “grandes oportunidades dispoñibles para promover a transformación dos sistemas alimentarios cara a unha visión compartida da saúde do planeta e da saúde das persoas”.
ESTUDO PREVIO
Esta investigación ten un precedente en 2011, cando científicos do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago presentaron os datos das emisións de gases de efecto invernadoiro da actividade pesqueira de Galicia por especies e técnicas de pesca. Segundo as súas estimacións, a pegada de carbono da frota pesqueira galega era de 888.620 toneladas de dióxido de carbono equivalente ao ano.
As capturas de pescada en Gran Sol teñen maior impacto ambiental que as que se fan en augas galegas
Por especies, as que se capturan en alta mar foron as que máis contaminan, xa que os barcos que faenan na costa consomen menos combustible por tonelada capturada que os de altura e grande altura.
Os datos tamén mostraron diferenzas significativas segundo a arte da pesca, de xeito que os de grande altura que pescan no Índico e no Pacífico, ao ser barcos de cerco, consumen menos diésel e outras substancias que producen efectos de cambio climático. Porén, a maioría dos barcos de altura que se analizaron en Gran Sol, de arrastre, mostraban unha intensidade enerxética moito maior e, por tanto, son máis contaminantes.
O tipo de especie capturada tamén se revelou como un indicador das emisións contaminantes. Así, salientaron o caso da pescada, peixe cunha ampla distribución en caladoiros de todo o mundo, e no que descubriron que ten un menor impacto ambiental nas capturas en augas galegas que cando se pesca no Gran Sol.
Aquel estudo evidenciou que os principais factores que condicionan o impacto ambiental da pesca son a distancia e a arte utilizada para as capturas, mentres que os factores máis operacionais son os que menos contribúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.