Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 16:51
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá desde este xoves e ata o 29 de maio oito funciones a obra 'Continente María', unha peza teatral que homenaxea a figura da actriz María Casares coincidindo co centenario do seu nacemento.
Trátase dunha coprodución de Ainé Producións, o Concello da Coruña, A Quinta do Cuadrante e o Centro Dramático Galego, que parte dun intenso traballo documental sobre a vida e figura da actriz María Casares e que foi estreada este luns, día 16, na cidade herculina.
A obra está escrita pola dramaturga uruguaia Marianella Morena e producida polo actor e humorista Xosé A. Touriñán. Dirixida por Perico Asiorey, está protagonizada por Melania Cruz e conta coa música do pianista Vadim Yukhnevich.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou este mércores na presentación desta peza, que mestura teatro, poesía, música en directo e traballo audiovisual para achegar a María Casares ao público dunha maneira artística. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista, á que presenta como o mapa dun continente a percorrer gozando dos detalles da súa paisaxe, vitalidade e ganas de vivir todo o que a realidade e a poesía poden ofrecer.
DESCUBRIR A MARÍA CASARES DESDE O TEATRO
O representante da Consellería de Cultura destacou que a iniciativa xorde da necesidade de "divulgar a importancia desta figura desde o espazo escénico, o contexto no que ela se fixo universal".
"Na programación da Xunta con motivo do centenario do nacemento da actriz non podía faltar unha proposta creada desde o ámbito teatral, como esta peza que estreamos o luns na Coruña no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e traemos agora a Compostela", engadiu Anxo Lorenzo.
As funcións previstas no Salón Teatro terán lugar a partir deste xoves e ata o 29 de maio, con sesións de xoves a sábado, ás 20,00 horas, e os domingos, ás 18,00 horas. As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada sesión. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado, con descontos para diferentes colectivos, e de 6 euros os domingos, día do espectador.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.