Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 14:02
O Goberno galego aprobou, na súa primeira reunión ordinaria, os cesamentos dos últimos membros do equipo de Alberto Núñez Feijóo que lle seguen na súa nova etapa como líder do PP, e designou os primeiros nomeamentos do novo presidente, Alfonso Rueda, que incorpora tamén a cargos da súa confianza no seu anterior departamento.
Ao tempo, suma dous nomes doutros departamentos autonómicos: os xornalistas Silvia Valdés, xefa de prensa primeiro e despois de gabinete do vicepresidente económico, Francisco Conde, e Jorge Pan, xefe de gabinete e de comunicación de Fabiola García en Política Social. Valdés asumirá a Secretaría Xeral de Medios e Pan é o novo director xeral de Comunicación.
Da man dos novos nomeamentos chegaron os ceses. Así, seguindo os pasos das que foran responsable de Medios e xefa de Gabinete de Feijóo na Xunta, Mar Sánchez Sierra e Marta Varela, cesaron a petición propia este xoves outros dous membros do núcleo duro do líder popular: o seu secretario xeral da Presidencia, Álvaro Pérez, e o seu xefe de Comunicación, Marcos Gómez.
Rueda tamén anunciou o cese do que fora o seu director xeral de Xustiza, Juan José Martín, que marcha, dixo, a un "novo destino", que non concretou. A todos eles agradeceulles os servizos prestados á Administración autonómica.
Ademais de Valdés e Pan, o Consello aprobou a designación da secretaria xeral da Presidencia e do director do Gabinete do presidente, dous cargos de confianza que incorpora Rueda do seu anterior departamento: Beatriz Cuiña, que era a súa secretaria xeral técnica como Vicepresidente Primeiro; e Emilio da Igrexa, xerente de Turismo.
PAULA PRADO
O presidente da Xunta, quen será tamén ratificado líder do PPdeG no 18º Congreso do partido que se celebrará esta fin de semana en Pontevedra, destacou as cualidades, coa "experiencia" á fronte, que reúne a deputada compostelá Paula Prado para porse á fronte da Secretaría Xeral do partido.
Tras o Consello da Xunta, Rueda destacou que Prado "reúne todas as condicións" e aludiu á súa experiencia tanto orgánica como de "moitos anos" de parlamentaria. De feito, é unha das viceportavoces do Grupo Popular, o que lle facilita coñecer "a relación que hai que ter" coas distintas administracións.
"Coñece perfectamente o funcionamento do partido por dentro e por fóra", aseverou, antes de engadir que, en vista das reaccións dos seus compañeiros de partido, percibe que a súa designación foi "un acerto".
A continuación, mostrouse convencido de que a primeira muller que asumirá a Secretaría Xeral do PP galego vaino facer "ben" á fronte dun cargo que el coñece de primeira man, posto que o ocupou durante dez anos da man de Alberto Núñez Feijóo, e que "non é doado".
Por iso, desexoulle "toda a sorte do mundo", despois de incidir en que é consciente de que "había moitas persoas, homes e mulleres, no PPdeG, que poderían desenvolver perfectamente esta función". Pero entre os candidatos, concluíu, había que "escoller" e elixiu á que ve "máis idónea".
Ademais, este xoves, a líder provincial do PP de Lugo e presidenta da comisión organizadora do 18 Congreso do PPdeG, Elena Candia, felicitou a Paula Prado, de quen dixo que "fai historia". "É unha persoa que coñece ben o partido e creo que o presidente acerta coa súa designación", dixo antes de porse a disposición da futura número dous do PPdeG.
Pola súa banda, en redes sociais, Paula Prado agradeceu a Rueda que conte con ela para a Secretaría Xeral do PP galego, un cargo que ve "unha enorme responsabilidade". Afirmou que asume a proposta "con moita ilusión" e tamén consciente de que "non fará este camiño soa". "Conto con toda a militancia para afrontar os retos que temos por diante", aseverou.
Aínda que non verbalizou os retos, entre os máis destacados figura a próxima cita coas urnas das municipais do ano que vén, sempre que non haxa un adianto previo das eleccións xerais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.