Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 18:31
A Xunta volveu demandar ao Goberno que dea pasos cara á unificación das probas de acceso á universidade --EBAU, antes selectividade-- porque o sistema actual "xera desigualdades". A reclamación, defendida desde hai anos pola Xunta, volveu ser explicitada polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ás portas do arranque da EBAU, que bota a andar este martes con 12.661 alumnos anotados.
En declaracións aos medios este luns, o responsable autonómico incidiu en que, para a Xunta, o sistema "é inxusto" porque "rompe a igualdade de oportunidades" ao establecer "17 camiños distintos" para "unha única porta de entrada".
Así, manifestou que Galicia aposta por unha EBAU "única ou uniforme" para "que un neno de Lugo sexa igual que uno de Xaén ou de Tarragona". "Non falamos en ningún caso de reducir a eficiencia, do que se fala é de que haxa unha maior uniformidade para que o sistema sexa igual para todos", aseverou Rodríguez.
Neste sentido, asegurou que Galicia "é top en informes educativos internacionais comparados como Pisa" pero, con todo, vese superada en cualificacións por comunidades "que están por baixo" nos citados rankings. Por tanto, demandou aos ministerios de Educación e de Universidades que dean pasos cara á configuración dun sistema de acceso ao sistema universitario "uniforme" que evite estas "desigualdades" coas que "os prexudicados son os mozos".
Cuestionado sobre se cre que de cara ao próximo ano poden darse pasos nese sentido, Román Rodríguez asegurou que a demanda foi exposta ao Goberno central e que non houbo "resposta negativa". "Pero hai que facelo, e quen ten a competencia é o ministerio", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.