Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 14:12
O Ministerio de Xustiza comunicou á Xunta a creación de tres novos xulgados de Primeira Instancia, que serán o número 6 de Lugo, o 15 da Coruña e o 16 de Vigo.
Así o informa o Goberno galego a través dun comunicado, no que asegura que "dotará do persoal e do equipamento necesario" estas unidades que o Ministerio prevé incluír no próximo proxecto de real decreto de creación das unidades xudiciais correspondentes á programación de 2022. Este tres novos xulgados estaban incluídos na proposta que a Xunta remitiu ao Estado en consenso co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras a comisión mixta entre ambas as institucións celebrada en marzo.
Entre as novas unidades solicitadas tamén se incluían dous maxistrados penais, un na Audiencia Provincial da Coruña e outro na de Pontevedra. Por iso, o Goberno galego insta o Ministerio a aclarar se tamén prevé incluílos na programación deste exercicio. Neste contexto, a Xunta afirma que "aceptará e financiará todas as unidades xudiciais" que outorgue o Estado e comprométese a poñelas en marcha "no menor tempo posible".
A Administración autonómica, segundo as súas cifras, consignou 215.000 euros aos custos de persoal e de material do novo Xulgado do Mercantil da Coruña que entrou en funcionamento o pasado marzo. Esta achega engádese aos 850.000 euros investidos na creación doutros tres novos xulgados do Social que comezaron a funcionar en abril do 2021 --o 4 de Lugo, o 7 da Coruña e o 7 de Vigo--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.