Máis dun milleiro de persoas manifestáronse este domingo en Ponte Caldelas por unha atención sanitaria "de calidade" no municipio.
Con proclamas como 'Ruea escoita, Ponte Caldelas está en loita' e 'Queremos máis médicos', os participantes percorreron as rúas que separan o Concello da Alameda de Ponte Caldelas.
Rexeitan así "os continuos recortes que minguan a calidade da atención no centro de saúde e Ponte Caldelas" onde, segundo reclaman, pasouse de ter tres médicos a tan só un, ademais de non contar cunha atención continuada de Pediatría.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que tamén participou, destacou que "nunca a atención sanitaria estivera tan debilitada e nunca estiveramos tan mal como neste momento" en referencia á "precariedade" que enfrontan os pacientes que acoden ao centro de saúde da localidade.
Díaz espera que esta manifestación "sirva para que a Xunta de Galicia tome medidas e lle devolvan á cidadanía a atención sanitaria de calidade e en igualdade".