Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2022 | Actualizada ás 10:22
As cidades galegas teñen previsto adoptar diferentes medidas de cara á entrada en vigor do decreto de aforro enerxético este mércores, 10 de agosto, cunha disparidade de actuacións. Así, a decisión de Lugo de apagar a partir dos 22,00 monumentos como a Muralla de Lugo contrasta co anuncio do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, de que se seguirá coa iluminación de edificios emblemáticos como a Catedral.
Limitar a 27 graos o uso do aire acondicionado no verán e a 19 graos a calefacción no inverno en edificios públicos, espazos comerciais e grandes almacéns, infraestruturas de transporte (aeroportos e estacións de tren e autobús), espazos culturais e hoteis, así como apagar as luces de escaparates e edificios públicos que estean desocupados a partir das 22,00 horas serán as primeiras medidas que entrarán en vigor este mércores.
Así figura no primeiro paquete de medidas de aforro e eficiencia enerxética aprobado polo Goberno para reducir rapidamente o consumo de enerxía co obxectivo de cumprir cos compromisos europeos derivados do conflito en Ucraína. Terán unha vixencia ata o 1 de novembro de 2023.
Entre as sete cidades galegas, Lugo anunciou que se apagará a partir das 22,00 horas a iluminación ornamental da Catedral, Muralla, fachada do Concello, Igrexa de San Froilán, fachada do cuartel de Garabolos, Ponte branca, pasarela fluvial, fachada do Palacio Municipal de Deportes, Viaduto da Chanca, rúa San Marcos, Praza Maior, restos arqueolóxicos de Campo Castelo e prazas de Ferrol e Quiroga Ballesteros.
En cambio, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que non se apagará a iluminación dos monumentos da cidade tras realizar unha consulta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o decreto de aforro enerxético.
Por parte do Concello da Coruña, asegúrase que se aplicarán todas as medidas nas instalacións municipais e colocaranse carteis informativos para lembrar as normas.
O Concello de Vigo anunciou que cumprirá o decreto do Goberno. O alcalde, Abel Caballero, puxo o foco en que a cidade xa conta cun plan de aforro enerxético, cun orzamento de 2 millóns de euros de recursos municipais para a substitución da iluminación tradicional por lámpadas LED.
Isto implicará un aforro "moi importante", polo que a iluminación LED pasará de representar o 28% do total das luces de Vigo a supor o 36%. "Iso máis que cobre a petición do Goberno de España de aforro do 7% de enerxía", reivindicou o rexedor.
O pasado luns, a portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, informou de que os servizos técnicos estaban a estudar as medidas e a aplicación do decreto de aforro enerxético, así como o seu impacto na localidade.
Fontes do Concello de Ourense explicaron a Europa Press que están "a estudar" e "solicitando datos" durante este martes en relación co cumprimento do decreto.
Estas medidas só se refiren á iluminación ornamental de edificios, non teñen en conta á rede de iluminación pública co fin de garantir a seguridade en rúas.
A XUNTA XA APAGA O EXTERIOR DE EDIFICIOS
Por parte da Consellería de Presidencia trasládase a Europa Press que "xa se aplica" desde o pasado luns o apagado da iluminación exterior dos edificios dos edificios administrativos e xudiciais desde as 22,00 horas.
Ademais, "de maneira inmediata", manterase a temperatura dos edificios administrativos e xudiciais en 27 graos como máximo. Así mesmo, a Xunta destaca os investimentos nestes inmobles nos últimos anos para mellorar a eficiencia, así como diferentes medidas no ámbito do aforro.
A HOSTALARÍA SINALA QUE O APAGADO NON LLE AFECTA
Pola súa banda, asociacións de hostaleiros galegas explicaron aos seus asociados que a medida de apagado a partir das 22,00 horas non afecta á hostalaría, senón que se trata para os escaparates de comercios. Así mesmo, sinálase que cada local debe contar cun manual de prevención de riscos laborais no que figura a temperatura idónea para que os traballadores realicen o seu labor con seguridade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.