Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2022 | Actualizada ás 17:14
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, celebrou este xoves as cifras "incribles" de turismo rexistradas na comunidade, coas que o Xacobeo "ten moito que ver", e avanzou que está previsto superar as 300.000 'compostelas' seladas ao peche do mes de agosto. En declaracións aos medios antes de percorrer xunto ao presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Pontevedra, o titular do Executivo galego proclamou que este dobre Ano Santo Xacobeo "está a ser fantástico".
Respecto diso, remitiuse ás cifras de visitantes coñecidas nas últimas horas, cando o INE revelou que máis de 615.000 viaxeiros recalaron en Galicia durante o mes de xullo, e puxo en valor que a comunidade galega foi, só despois de Murcia, a que experimentou un maior "impulso".
"O Xacobeo ten moito que ver, pero tamén como se fixeron as cousas, como nos preparamos e como conseguimos transmitir unha imaxe de Galicia de destino seguro, de natureza, que moita xente busca despois da pandemia... e agora estamos a recoller os froitos", proclamou Alfonso Rueda.
En concreto, con respecto ao Ano Santo, o presidente galego subliñou que, nestes momentos, a cifra de peregrinos chegados en agosto xa supera a de agosto de 2019, que era a "marca histórica". "E todo fai pensar que imos acabar agosto con máis de 300.000 'compostelas'", engadiu, á vez que lembrou que se estima que un 30 % dos peregrinos non acoden a selar esa certificación, de maneira que o número de persoas que culmina o Camiño é maior.
Tras pór en valor estas "cifras incribles", Rueda sinalou que, tal e como prevén os profesionais do sector e en atención ás reservas, os bos datos manteranse en setembro e outubro, e haberá "un peche de ano fantástico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.