Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2022 | Actualizada ás 14:37
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou este venres en Lugo que se habilitará un "novo trazado" de 840 metros da estrada autonómica LU-651, que une Folgoso do Courel con Quiroga, tras o afundimento dunha parte da vía en marzo pasado.
Nunha rolda de prensa, Vázquez puntualizou que se investirán "case cinco millóns de euros, nunha actuación onde se teñen que facer desmontes, recheos ou estabilización", ademais de acometer expropiacións en Folgoso do Courel para o novo itinerario.
A conselleira precisou que o trazado esixe "a máxima seguridade e as máximas garantías", e para iso a actuación apartarase da zona afectada polo derrube, algo que "se ponderou na toma da decisión sobre a solución escollida" tras estudar ata cinco alternativas.
A alcadesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, agradeceu "a rapidez nestes traballos", á vez que eloxiou o "desvío alternativo que se puxo en marcha, sobre todo na época de incendios, e foi nun tempo marca porque se adxudicou en maio e os incendios empezaron o 14 de xullo".
"Co incendio púidose pasar por ese desvío, para que pasasen os medios de extinción e evacuar aos veciños dos pobos", afirmou, á vez que se congratulou polo traballo realizado pola Xunta de Galicia para habilitar ese novo trazado.
"IMPROVISACIÓN" DO GOBERNO CON RESPECTO Á A-6
Por outra banda, a conselleira Ethel Vázquez, referiuse tamén aos problemas ocasionados polo esborralle do viaduto do Castro na A-6 e advertiu ao Goberno central de que esta infraestrutura "é fundamental para a competitividade de Galicia", e para o turismo.
Así, contrapuxo a "axilidade e transparencia" da Xunta coa "improvisación" e o "caos" que, ao seu xuízo, exhibe o Executivo de Madrid á hora de abordar alternativas ao tráfico na A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.