Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 13:10
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confía en que haxa unha "áxil" investigación da morte dun alumno no IES Julio Prieto Nespereiro de Ourense na caída dun muro duns vestiarios. Con todo, reiterou que na Administración autonómica "non constaban deficiencias" respecto diso.
Ademais, reivindicou este xoves o "esforzo importante" que fai a Consellería de Educación pola rehabilitación dos centros e asegurou que, cando este departamento ten coñecemento de calquera queixa neste sentido, adóptase unha solución "rapidamente".
O encontro semanal do Consello da Xunta estivo marcado por este tráxico suceso ocorrido o mércores no instituto ourensán. Precisamente, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, partiu cara ao centro ao concluír a reunión para dar o pésame á comunidade educativa en nome do Executivo autonómico.
CRÍTICAS DE PAIS
A pesar de que algúns pais ás portas do instituto aseguraban que as deficiencias eran sabidas, a dirección insiste en que non se lles comunicou "nada" e así o volveu a destacar Rueda ante as preguntas da prensa. "Non lles constaba ningún reporte de ningunha deficiencia", recalcou o mandatario galego, quen por tanto evita falar "nestes momentos" de responsables: "Supoño que se tivesen constancia dalgunha deficiencia transmitírona sen ningunha dúbida".
Así, dixo confiar en que "a investigación sexa o máis áxil posible" e, para esta finalidade, a Xunta porá os medios "a disposición dos peritos e a autoridade xudicial".
CIG
O secretario nacional de CIG Ensino, Suso Bermello, pediu este xoves "cautela" e que "non se alimente ningún tipo de dúbida" ata que a investigación determine as causas do derrube dun muro no IES Julio Prieto Nespereira, que lle custou a vida a un alumno e feridas a outro.
A preguntas de Europa Press, Bermello indicou que a CIG se puxo xa en contacto co centro, para ofrecer todo o apoio ao profesorado e expresar as condolencias por este suceso. No entanto, apuntou, "non é o momento" de analizar o accidente e a posible "existencia ou non" de deficiencias, ata "coñecer con máis detalle o sucedido". "Temos que ser moi cautelosos con este tema", dixo Bermello, que lembrou que a Xunta ten "todas as competencias" na xestión dos institutos.
"O único que pedimos de momento é que se sexa moi cauteloso por parte dos máximos responsables políticos da Xunta á hora de facer declaracións e ten que quedar perfectamente claro que o profesorado dese centro, igual que o resto, sempre ten un trato absolutamente exquisito con todo o que ten que ver coa atención ao alumnado", dixo o responsable de CIG Ensino.
Por iso, e ata que non haxa pronunciamento da investigación, apostou por "non alimentar ningún tipo de dúbida". En todo caso, avanzou que a CIG estará á beira do profesorado no caso de que "a Xunta pretenda declinar parte da súa responsabilidade, se a hai", resolveu.
MINUTO DE SILENCIO
Institucións, representantes públicos e veciños de Ourense mostraron este xoves a súa consternación pola morte dun mozo de 13 anos o pasado mércores na cidade ao caerlle un muro encima cando se atopaba nos vestiarios do IES Julio Prieto Nespereira.
O centro renovou este xoves a súa actividade lectiva co apoio de psicólogos do Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, unha medida recomendada polo protocolo de Educación que recomenda continuar coa rutina diaria ante feitos deste tipo.
Con todo, as clases tiveron unha menor afluencia que de costume, tanto porque algúns pais decidiron que os seus fillos pasen o primeiro día de duelo en casa, como porque previamente había unha folga convocada. Ao longo da mañá deste xoves tiveron lugar mostras de dor e solidariedade coa familia do alumno, expresadas a través de minutos silencio convocados polo propio centro, o Concello de Ourense e a Deputación provincial.
O primeiro tivo lugar no instituto coincidindo co arranque da xornada. Ás 12,00 horas tivo lugar o convocado polo concello na Praza Maior, ata onde se desprazaron compañeiros do alumno falecido e profesores do centro. Alí, a representante de pais e nais do Consello Escolar, Sofía Santos, mostrou o seu pesar polo ocorrido e desexou "a pronta recuperación" do compañeiro ferido con lesións nun nocello.
Marcos asegurou que neste momento o que queren é que "se aclaren os feitos" e que "na medida do posible os nenos estean atendidos tanto psicoloxicamente como emocionalmente". Así, trasladou que "se trata de nenos nunha idade moi adolescente" e, a pesar diso, "están a xestionar a situación bastante mellor do que se esperaban as familias, cada un á súa maneira, dependendo de como o viviron", que engadiu que "as familias están sorprendidas e en shock".
Algúns dos alumnos que se atopaban no vestiario cando se esborrallou o muro acudiron á convocatoria do consistorio e explicaron que o falecido "tentaba suxeitar" o muro ao ver que se ía a caer. Na mesma liña manifestouse o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome. "Contáronme que o falecido tivo un acto reflexo, un acto heroico, porque tentou parar o muro cando viña abaixo. Obviamente o muro, con 2.000 quilos de peso, puido con el e acabou coa súa vida, pero é un acto de heroísmo", sostivo o alcalde de Ourense quen ofreceu "todo o apoio á familia.
"Non hai palabras. É un mazazo tremendo, a peor noticia que se pode recibir", apostilou o alcalde engadindo que o estudante era tamén alumno da Escola de Música, onde os profesores "están moi afectados porque tiñan trato persoal con el".
DEPUTACIÓN E PARLAMENTO
Tamén gardaron un minuto de silencio na Deputación de Ourense ás portas da sede da institución e co presidente, Manuel Baltar, á cabeza.
A concentración contou coa participación de representantes dos grupos políticos presentes na corporación e traballadores da Administración, así como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
Xa pola tarde, a Comisión de Economía do Parlamento galego tamén gardou outro minuto de silencio ao comezo da comparecencia do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para explicar os orzamentos do seu departamento de face a 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.