Semellante conclusión era consecuencia dunha dupla consideración: a evidencia dunha grave incerteza no marco económico internacional por mor da persistencia da guerra en Ucraína e a deliberada opción tomada polo novo presidente do PP estatal para colocar a economía como o asunto prioritario na súa axenda de oposición ao actual goberno de coalición.
Esta decisión de Feijoo derivaba da súa convicción de que tal estratexia podía acadar dous obxectivos simultáneos: captar o apoio dun segmento do electorado socialista proclive a pensar que o PP ten mais capacidade para xestionar eficazmente unha crise económica e curtocircuitar as pretensións de Vox para establecer como centros de atención os temas que habitualmente figuran no seu catálogo de axitación e propaganda (Cataluña, inmigración, violencia de xénero, memoria histórica...). Para vehicular este plan, o principal partido da oposición escolleu a política fiscal como o principal reclamo para construír o seu relato e fixo das rebaixas impositivas a tentadora ferramenta populista para acadar potenciais complicidades sociais.
Hoxe, tres meses despois, mantéñense importantes incógnitas sobre a evolución das variábeis económicas pero teñen mudado dúas circunstancias significativas. Por unha banda, o goberno de coalición ten promovido distintas medidas que posibilitaron un menor impacto negativo nas condicións de vida dos sectores mais vulnerábeis do tecido social. Ao mesmo tempo, a liña principal deseñada pola equipa de Alberto Núñez para combater as políticas gobernamentais fracasou até un punto non previsto polos seus promotores. O sucedido co executivo conservador do Reino Unido -encabezado por Liz Truss- desmantelou a credibilidade das propostas formuladas polo PP: foron os propios operadores financeiros privados os que penalizaron a pretensión dos conservadores británicos en favor dunha redución fiscal indiscrimada acompañada dun incremento do gasto público. Se iso non funcionou en Londres onde, neste momento, existe unha maioría absoluta parlamentaria administrada por unha forza que comparte familia política con Feijoo, resultaba imposíbel convencer a moitos electores do Estado español -entre eles unha parte dos votantes da esquerda- da pertinencia dese tipo de fórmulas para saír da crise. Moito mais cando se ten constatado que, polo momento, non hai fendas insalvábeis entre o goberno de Pedro Sánchez e as autoridades de Bruxelas. Esta situación ten descolocado notabelmente aos dirixentes do PP por canto a súa retórica incendiaria ("executivo socialcomunista e bolivariano") non encaixa coa boa interlocución demostrada coa presidenta da Comisión -Ursula von der Leyen-, coñecida integrante da CDU alemá, forza de referencia prioritaria para a dereita europea.
Despois de comprobar que o tema económico non ten as potencialidades previstas para multiplicar o desgaste do goberno, a dirección do PP buscou unha substitución pouco orixinal: o contencioso catalán e a suposta subordinación aos designios das formacións independentistas (isto último, ademais, sen introducir os matices esixidos pola circunstancia de que Junts e as CUP non comparten habitualmente os acordos do PSOE e de UP con ERC). O ex-presidente da Xunta carece dun interlocutor político representativo no ámbito do nacionalismo catalán (aquelas vellas relacións entre Aznar e Pujol fican hoxe no territorio da melancolía histórica) e segue instalado na lóxica aplicada por M. Rajoy: non buscar un acordo de mínimos entre os distintos sectores que actúan no escenario catalán e manter unha liña de máxima dureza no ámbito xurídico. Con eses vimbios, e de cara aos vindeiros meses, semella asumir un status electoral moi minoritario en Cataluña a cambio dun hipotético reforzamento noutros territorios.
Nos últimos días, Feijoo ten manexado dous argumentos especialmente graves dende o punto de vista da lóxica democrática. Un: que a súa negativa a cumprir coa obriga constitucional de renovar o CXPX ten como fundamento a defensa do Estado de dereito fronte ás supostas pretensións de asaltalo dende a actual maioría parlamentaria . Outro: que Pedro Sánchez carece de lexitimidade para facer propostas de modificación do Código Penal porque non estaban no catálogo dos compromisos adquiridos nas eleccións de 2019. A conclusión está, pois, servida: só o PP posúe a capacidade para establecer a bondade e/ou lexitimidade das iniciativas dos seus adversarios. Se a isto engadimos a iniciativa adoptada para que o TC -con 4 membros que teñen o mandato caducado- impida preventivamente o labor lexislativo das Cortes, disporemos dun cadro completo da deriva tomada por un dirixente -Alberto Núñez- que supostamente chegaba para mudar a traxectoria de Pablo Casado e para facer da economía o núcleo duro da súa actividade opositora.