Por Ángela Precedo | VIGO | 06/01/2023 | Actualizada ás 22:00
As Illas Cíes son un lugar máxico de augas cristalinas en pleno corazón do mar galego. Un lugar que todos os galegos e os visitantes queren poder pisar no verán, e ao que tamén é difícil acceder durante o resto do ano. Sen embargo, dende Galicia Confidencial, recomendámosche que aproveites os pouquiños días de sol deste inverno para facer a túa visita, pois non precisarás de solicitar autorización previa á Xunta, ao ser tempada baixa.
Cabe recordar que dende Semana Santa do pasado ano 2018 é obrigatorio contar cun permiso especial outorgado pola Xunta de Galicia para poder visitar as Cíes. É dicir, non é suficiente con mercar un billete nalgunha das navieiras que realizan estes traxectos (que xa son poucas), senón que tamén hai que ter esa especie de 'pasaporte'.
A autorización administrativa, iso si, é totalmente gratuita, o que máis amola é a antelación coa que hai que solicitala, e serache demandada no mesmo momento en que realices a compra da viaxe en calqueira navieira, xa sexa de forma online (introducindo o código que recibirás co permiso) ou físicamente (coa lectura do QR), pois en caso contrario as compañías non están autorizadas para venderche os 'tickets'.
Aínda que hai plataformas de viaxes, como Civitatis, moi de moda, que se encarga xa de xestionarte esta autorización. Isto resulta moi cómodo porque nun só 'click' tes a túa entrada para o barco e, ao mesmo tempo, a autorización. E mesmo podes reservar por algo máis de prezo unha visita guiada a bordo.
Polo xeral, en tempada alta, o cupo de persoas que poden visitar o arquipélago é de 2.000. O permiso podes solicitalo ata 30 días antes da túa visita. E tamén podes anulalo ata 15 días antes. Tes que reservalo ti mesmo? Non é necesario, se vades en grupo con que reserve un para todos (introducindo os datos persoais da cada quen, xa que a autorización é única e instrasferible) é suficiente: cada usuario pode reservar ata 10 prazas por solicitude.
Os datos que se demandan son nome, apelidos, documento de identidade, sexo e ano de nacemento. Os menores de 14 anos non están obrigados a levar DNI, pero si a ir acompañados dun adulto en todo momento. É moi importante ter en conta que este permiso exclusivamente vale para o día en que se solicitou, non puidendo ser modificada na navieira a data.
Sen embargo, agora que estamos en tempada baixa, os viaxes que queiras mercar non precisan de ir asociados a unha autorización administrativa. Iso si, só hai viaxes os sábados. Collendo a navieira Mar de Ons dende o porto de Cangas poderás ir ás Cíes ás 10:30 ou ás 15:00, volvendo ás 13:40 ou ás 17:40. Dende Vigo poderás facelo ás 11:00 ou ás 13:30, volvendo ás 13:40 ou ás 17:40. Collendo a navieira Piratas de Nabia dende Vigo, a única viaxe os sábados parte ás 11:00 e volve ás 16:00; dende Moaña sae ás 10:30 e volve ás 16:00.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.