Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2023 | Actualizada ás 13:03
O Parlamento de Galicia tramitará a proposición de lei de iniciativa popular para a restauración do texto "fidedigno" do Himno de Galicia e a súa difusión, e que ten como obxectivo "restaurar o texto certo, de modo que todos, e especialmente as novas xeracións, coñezan, canten e interpreten correctamente" a letra orixinal.
Os servizos xurídicos deron luz verde ao debate, previo ao que será necesaria a recollida das 10.000 firmas mínimas por parte da comisión promotora desta iniciativa lexislativa, que está composta por 30 persoas.
No informe dos letrados da Cámara (do pasado 5 de decembro), recollido por Europa Press, relátanse os requisitos necesarios para a admisión a trámite da inicitiva, todos eles cumpridos por parte dos promotores, entre os que se atopan intelectuais e personalidades da órbita nacionalista.
Así, tras examinar o expediente, e posto que "reúne os requisitos mínimos materiais e formais" esixidos na normativa, os servizos xurídicos informaron "favorablemente" para que poida ser debatido na Cámara galega se continúa coa tramitación establecida.
As interpretacións ao longo dos anos do Himno de Galicia e as súas diferentes plasmacións por escrito supuxeron unha acumulación de erros, os cales pretende corrixir agora esta iniciativa lexislativa popular rexistrada o pasado 29 de novembro no Pazo do Hórreo impulsada por unha trintena de persoas entre elas as entidades Vía Galega e Galiza Cultura e o musicólogo e investigador da partitura do himno Fernado López-Acuña e Manuel Ferreiro, que achegou un estudo sobre a situación.
Concretamente, na exposición de motivos faise referencia a castelanismos e 'hiperenxebrismos' como ronco/rouco ou iñorantes (escribiuse ignorantes, na forma orixinal), así como a deturpación da expresión orixinal por un "proceso de banalización textual, pasando de 'clan' (pobo) a 'chan' (solo).
Segundo se recolle no texto, o propio Eduardo Pondal "era consciente destas deturpacións textuais" cando nunha carta do 11 de xaneiro de 1913 advirte que "o texto contén non poucas erratas", pero "infelizmente o estado de saúde de Pondal non permitiu a actuación correctora e restauradora" que os promotores desta iniciativa sosteñen que é momento de levar a cabo.
TEXTO LEGAL
A proposición de lei inclúe catro artigos, o primeiro deles, para modificar o artigo 4 da Lei 5/1984 de símbolos de Galicia para fixar a letra do himno nas catro primeiras estrofas. Tamén se inclúe outra modificación, neste caso da disposición adicional terceira desta mesma lei para incluír o texto completo que se corresponde co himno, incluíndo esas modificacións.
A iniciativa lexislativa popular inclúe un terceiro artigo para que a Xunta faga cumprir a todas as institucións e sociedades públicas delas dependentes, como a radio e a TVG, a "reprodución, canto e interpretación completa" do himno.
Finalmente, a proposta reclama que a Xunta faga unha edición popular da letra restaurada conforme ao texto creado por Eduardo Pondal, xunto coa partitura do himno, co obxectivo de distribuílo, divulgalo e popularizalo de forma masiva na sociedade galega, singularmente, en todos os centros educativos, agrupacións musicais e corais, bandas de música, entidades deportivas, asociacións culturais ou calquera outra entidade cívica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.