Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2023 | Actualizada ás 14:54
A inflación "desbocada" levou a que o comercio galego facture "entre un 10 e un 20 por cento" menos ao longo do pasado ano, segundo estimacións que facía o presidente da Federación Galega do Comercio, o lucense José María Seijas.
En concreto, detallou que o diñeiro "se vai no recibo da luz ou en combustible" e xa "non queda para comprar no comercio". "Nótase moito a inflación, soben os produtos e nós tamén temos gastos e hai que manter o equilibrio para poder subsistir, esperando que a partir de mediados de ano en diante, isto cambie un pouco e mellore a nivel familiar e de comercio", subliñou.
Seijas, sobre a porcentaxe na facturación, advertiu que "é significativo o que se gasta noutros temas", reiterou, para engadir a continuación que ese custo "repercuta negativamente no comercio". "A nós sóbennos tamén os gastos, iso déixase sentir na facturación", sentenciou.
Respecto diso, engadiu que as vendas baixaron e, por tanto, a facturación, durante o 2022, foi "entre un 10 e un 20 por cento" menor. Seijas tampouco pasou por alto o tema de rebaixas, e recoñeceu que as de xaneiro foron "unhas malas rebaixas, porque se vendeu de antemán e só houbo movementos os dous ou tres primeiros días", despois de Reyes.
Ante este panorama, o responsable da Federación Galega do Comercio volveu a reclamar do Goberno central que "dunha vez por todas volva fixar as datas máis convenientes, o mesmo para o consumidor que para os comerciantes".
"As rebaixas empezan o 1 de xaneiro e acaban o 31 de decembro, a xente non espera por esas datas senón que xa o teñen en casa. Das rebaixas xa só queda o nome", protestou, finalmente, o empresario lucense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.